entrevista - literatura

Ledicia Costas: "Teño a fortuna de vivir moitas vidas gracias aos libros que escribo e leo"

fn_9636ss
photo_camera A escritora Ledicia Costas, no encontro de onte co alumnado do IES O Couto.

A escritora Ledicia Costas suma diversos recoñecementos como o Premio Merlín de literatura infantil e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do 2015

A escritora Ledicia Costas é, en boa medida, o resultado de todos os libros que leu sendo unha nena. No seu haber posúe recoñecementos como o Premio Merlín de literatura infantil e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do 2015. As súas palabras, ó outro lado da liña telefónica, transmiten ilusión. A mesma coa que ela di sentarse cada día diante do seu ordenador na procura de historias. Cree "na importancia de non perder a conexión co universo infantil e adolescente" e isto lévaa a "gozar dos encontros coa rapazada". Reunións como a que onte a trouxeron o IES O Couto para compartir confesións sobre o seu oficio co alumnado dos distintos niveis, resolver dúbidas e asinar libros. 

Que é para vostede escribir?

Un xeito de vivir. A escrita ten para min unha importancia vital. Creo que lle busco sentido o mundo no que vivo a través dos libros que leo e escribo. 

Onde xurden as historias?

No meu caso están nas cousas que me preocupan e me obsesionan. As mellores historias xurden dos conflictos do día a día que me afectan a min e a como está configurada a sociedade. Teño sempre os ollos moi abertos e todo o que vexo é o que logo traslado ós libros.  

Que significan para vostede os  premios colleitados ó longo da súa traxectoria?

A oportunidade de abrir unha porta e posicionarme no mercado nacional. Iso facilitou que os meus libros se empezasen a mover e que chegasen as distintas traduccións. Ademáis de en castelán, agora van saír libros tamén en coreano, italiano ou búlgaro. Eu sempre digo que os premios teñen unha compoñente de sorte. Dependen en boa medida da fortuna, da composición do xurado, dos seus gustos, das persoas contra as que compites. Sen embargo, cando consegues un premio ese libro conta cun aval. 

Cre na sorte ou no traballo?

Na conxunción de ambas, un pouco de sorte e moitísimo traballo. Sen talento e traballo non sae unha boa obra e, a maiores, hai que ter a sorte de estar no lugar axeitado e no momento xusto.

Os libros que un le cando é neno marcan o seu futuro?

Marcánnos moi especialmente. Recoñezo que aquelas sensacións tan intensas que eu tiña de nena cando lía determinados libros cada vez me custa máis atopalas. Non desisto na procura pero cada vez me resulta máis complicado ter nas máns ese libro que non quixera que rematase. Por eso creo que as obras que me fixeron sentir moi viva cando era nena e adolescente marcaron o meu futuro como lectora e escritora. 

Daquela ten presente que pode estar marcando a vida dos cativos que len a súas obras?

Esa é a ilusión coa que eu escribo a diario. O día que perda a esperanza de crer que podo marcar a algún neno ou nena con eses libros xa non tera sentido que escriba. Espero conservala durante moitos anos. 

Onde radica a importancia da lectura nas escolas?

Ten beneficios a todos os niveis. Aporta unhas ferramentas comunicativas que non se poden adquirir de ningún outro xeito que non sexa collendo un libro e deténdose a ler. Coñeces outras vidas, multiplícaste e sintes como se che revoluciona algo dentro da cabeza. Estou case absolutamente convencida de que as neuronas aumentan cada vez que collemos un libro. 

Te puede interesar