crónica

Lembranzas da escola taller

Membros da escola taller A Rapela durante a ofrenda floral polos que xa faleceron.
photo_camera Membros da escola taller A Rapela durante a ofrenda floral polos que xa faleceron.

 Pasaron 25 anos da celebración da primeira escola taller desenvolvida en Celanova, tempo suficiente para que os seus membros decidisen celebrar unha xuntanza para lembrar os tempos compartidos.

Adoita acontecer neste tipo de xuntanzas que a palabra que máis se escoita é "acórdaste?". Pasaron 25 anos dende aqueles recordos pero a pegada que os alumnos da escola taller A Rapela deixaron na vila aínda é patente a día de hoxe. Foi aquel o primeiro obradoiro de emprego que acolleu Celanova cando aínda nin sequera se chamaban así. Ó longo de tres anos desenvolvéronse catro módulos: albañilería, cantería, carpintería e forxa. Una decena de alumnos por módulo cunha media de idade de 20 anos acudiron a ela para aprender un oficio, oficio que en moitos casos aínda manteñen hoxe. "Tamén nos daban a oportunidade de sacar o graduado escolar os que non o tiñamos", apuntan. 

Foi tempo suficiente para desenvolver algunhas obras que aínda hoxe permanecen en pé. Preguntados por elas, comezan dicindo: "Buf! Foron moitas!". Pero, ó comezar a falar van saíndo: "fixemos a estructura da Casa da Música, restauramos o lavadeiro da Rapela, arranxamos o muro da Alameda, fixemos os bancos da Praza, fixemos tamén moitas farolas...". É que "tres anos dan para moito", puntualizan. 

Todo isto na parte de traballo, pero se tres anos dan para moito no eido profesional, máis dan aínda para fomentar a convivencia entre compañeiros. Por iso, 25 anos despois, decidiron xuntarse para celebrar aquela época e poñer en común os recordos compartidos. Dous dos catro monitores, boa parte dos alumnos e os seis membros que traballaban na oficina pronunciaron onte varias veces ese "acórdaste?", tanto polos bos momentos como polos que xa non están, os que lle quixeron facer unha ofrenda floral en agradecemento dos tempos vividos.

Te puede interesar