Opinión

Levar a contraria

Se cadra unha das máximas da democracia é que esta non só permite senón que obriga a levara contraria ás voces dominantes no foro público, cando as circunstancias do ben social así o aconsellan. Se non, imos á oclocracia que lles dicía hai días.

Si, un gobernante, se está convencido da corrección da acción proposta, oído todo o mundo, debe persistir na súa idea, independentemente da “reacción social”. O luxo dos sistemas democráticos é que non hai -non debería- mal goberno que cinco anos dure; pois aí está ese filtro das eleccións cada catro. E non pasa nada. A vocación do servizo público tamén é tomar e dar relevos. E nunca se sabe. Moitas veces un gaña moita vida coa marcha da primeira liña. Mariano Rajoy estará preocupado pola situación do país hoxe, coma min e vostede, pero tamén, non mo negarán, moi aliviado de non estar ao mando. 
Dicíalles o outro día que unha das máximas calidades do gobernante é a previsión; ou sexa, anticiparse ás cousas, lendo no aire morno a treboada que se achega, e na luzada do amencer a raxeira das horas centrais do día. A maioría dos cidadáns temos unha visión estática do presente, como con orelleiras que nos dirixen ao xa, agora e aquí. Pero os auténticos estadistas saben moito de historia e moitas veces tamén a escriben, e isto valería desde os clásicos Tucídides ou Polibio a Wiston Churchill ou Alfonso Guerra. E ese visión da historia fai que eles vexan o presente en panorámica, en cine, en vez de fotograma a fotograma. Non só no efémero instante que vivimos.

E si, unha das principais virtudes dun político democrático é a firmeza e non deixarse levar pola inercia dunhas protestas que non por masivas teñen que ter razón e ver máis alá. Máxime cando estas manifestacións sociais da sacra liberdade persoal se planifican e usan como unha variable máis da loita política; como se todo o discurso xirase ao redor da erosión, sen cuartel, dun opoñente que, seguramente, fai as mesmas cousas que faría un de estar no seu lugar. E iso acontece en cuarteis composteláns, xenoveses ou en calquera outro lugar. 
En fin, lembremos unhas cantas veces que o poder se mantivo firme. Menos mal que a alcalde Veiga Pombo non cedeu á presión para non peonalizar o Paseo fronte aos que, picaraña en man, se opuñan á humanización da cidade. Menos mal que o Goberno non cedeu ante a presión dos que se opuñan -nos opúñamos, pídolles perdón- á construción da Autopista do Atlántico nos comezos da democracia. Menos mal que o goberno de Baiona seguiu coa construción do aparcadoiro da Palma, fronte ás protestas masivas. Menos mal que se construíu o porto de iates de Sanxenxo, fronte a unha boa parte da poboación. Menos mal que se fixo a circunvalación exterior da Ramallosa polas marismas da Foz do Miñor, contra a presión ecoloxista. Se cadra a reconversión industrial de González foi precisa e é bo que exista o centro comercial Ponte Vella. En fin. 

Hoxe parece que non hai acción de goberno ou obra pública que se inicie que non conte coa oposición radical da oposición política que lle cadra. Pero estes son tempos de reducir enfrontamentos e ser leais, en Santiago e Madrid. Lembren que cada catro anos decidimos. Entrementres, traballen xuntos e déixennos en paz.

Te puede interesar