crónica

Liber 2019: a pervivencia do libro impreso

Vista dun dos corredores do pavillón de Ifema no que se celebrou Liber 2019.
photo_camera Vista dun dos corredores do pavillón de Ifema no que se celebrou Liber 2019.

 

A Feira Internacional do libro en español ten por obxectivo reunir e interrelacionar a editores, axentes literarios, libreiros, impresores e autores para conseguir que o sector editorial sexa un dos de maior relevancia non só no aspecto crematístico, senón tamén no cultural.

A Feira Internacional do libro en español (Liber), e nas demais linguas existentes no reino, organizada por Ifema -Institución Ferial de Madrid- e promovida pola FGEE -Federación de Gremios de Editores de España-  tivo lugar en Madrid os pasados días 9, 10 e 11 deste mes de outubro. Foi a súa 37 edición. Nela participaron máis de catrocentas empresas de dezasete países (India, Federación de Rusia, China, Estados Unidos, México, República de Corea, Alemaña, Emiratos Árabes Unidos, Países Baixos, República Checa, Arxentina, Italia, Marrocos, Bolivia, Chipre, Cuba e España), sendo o convidado de honra Sharjah.

Sharjah é un dos sete emiratos que compoñen os Emiratos Árabes Unidos (EAU), unha monarquía federal situada na Península Arábiga. O seu máximo dirixente, dende o ano 1972, é o xeque Dr. Sultan bin Muhammad Al-Qasimi.  A capital, do mesmo nome que o emirato, tamén é a capital cultural dos EAU. Todos os anos organiza unha feira internacional do libro considerada a terceira máis importante do mundo e a primeira de Oriente Medio. En 2018 participaron 1.874 editoriais de 77 países, recibindo dous millóns de visitantes.

En recoñecemento ao seu labor de apoio á literatura e á expansión da industria do libro nos Emiratos Árabes Unidos, no 2017 Sharjah recibiu o título de Capital Mundial do Libro da Unesco para 2019.

Liber alterna cada ano a súa sede entre Madrid e Barcelona, e tanto nunha como noutra cidade o obxectivo é reunir e interrelacionar a editores, axentes literarios, libreiros, impresores, autores e demais profesionais do ramo da edición para conseguir que sexa uns dos de maior relevancia non só no aspecto puramente crematístico, senón tamén no cultural.

Para conseguilo, en cada edición da feira abórdanse como principais retos os cambios que supoñen as novas tecnoloxías para o sector, a modificación dos hábitos de consumo dos contidos culturais (como a substitución da lectura de libros pola visualización de programas e series televisivas ou a través da internet), a apertura aos mercados exteriores para incrementar as vendas, e o fomento da lectura entre a xente nova promovendo a literatura infantil e xuvenil: o que de neno le, lerá de adulto.

O sector editorial español rexistrou, por quinto ano consecutivo, un incremento na súa facturación grazas á fortaleza do libro impreso en soporte papel. Segundo o avance do informe de "Comercio Interior del Libro 2018", elaborado pola FGEE co respaldo do "Ministerio de Cultura y Deporte", o pasado ano mellorou as súas cifras nun 1,9% con respecto ao 2017, até chegar aos 2.363,90 millóns de euros. A modo, vai acadando ás contías que tivo antes da crise. No caso do libro dixital produciuse un estancamento das vendas.

O que le de neno, lerá de adulto. Porén, non se trata tan só de ler por ler, para que a "industria cultural" floreza para entreternos. É importante ter sempre na conciencia que son os libros os que nos permiten aprender e instruírnos en profundidade, adquirir coñecementos que nos posibiliten pensar, argumentar e resolver problemas, sexan de natureza social ou persoal. Decatémonos de que a meirande parte da poboación, unha vez abandona a escola, o instituto ou a facultade universitaria, unicamente adquire novos coñecementos a través dos medios de comunicación, cuxa función non é formar á xente, senón informala.

Por iso é crucial ir visitar ás librarías, remexer nos seus expositores, descubrir autores, novos, vellos ou esquecidos. Ler as súas obras e interpretalas á nosa maneira. Non é necesario, máis ben todo o contrario, ser fieis aos seus textos nin asumir as súas intencións. E eses libros que gustáronnos e sorprendéronnos, esas reflexións que nos abriron a porta a novos mundos, esas follas impresas que nos fixeron soñar, rir, chorar, meditar...; gardémolas na nosa cabeza, no noso corazón e nos nosos andeis durante toda a vida. Porque eles serán os nosos únicos e verdadeiros amigos e compañeiros.

Te puede interesar