recoñecemento

Luz Pozo, "feliz coa soidade, a vellez" e o Premio Trasalba

Trasalba. 29/06/2019. Entrega de Premio Trasalba a Luz Pozo
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Entrega del Premio Trasalba.

A Fundación Otero Pedrayo entrega o galardón á "unha das máis grandes poetas de Galicia"

Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922), académica da Real Academia Galega e decana das Letras Galegas, volveu este sábado á casa de Ramón Otero Pedrayo. E fíxoo para recoller o Premio Trasalba que concede a Fundación Otero Pedrayo no marco dunha festa literaria. "É unha das máis grandes poetas femininas, a máis potente e sublime das poetas galegas, que son moitas e moi boas", dixo o presidente da Fundación, Juan Luis Saco.

Tras a publicación de "Pazo de Tor", Pozo Garza culmina máis de 70 anos de produción literaria cun elevadísimo sentido poético e calidade. Tras recoller o premio, recoñeceuse "feliz coa soidade e a vellez, que son dúas cousas marabillosas", e afirmou que "non hai pasado, presente e futuro", senón que "todo é o mesmo", tras resaltar que "moita xente está tratando de que chegue aos 100 anos" (ten case 97). "É unha das voces galegas máis destacadas e recoñecidas tanto a nivel nacional como internacional", destacou o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

Os membros do padroado –que se reuniron previamente para aprobar a súa actividade anual–, mostraron a satisfacción por acoller na casa museo de Otero Pedrayo a Pozo Garza, que fora recibida por Don Ramón. Coa entrega do galardón, a decana da poesía galega convértese na segunda muller poeta que recibe o Trasalba, logo de Pura Vázquez. "Luz Pozo é hoxe matriarca das letras, ten unha estensa obra poética e tamén ensaística", sinalou Saco.

A laudatio na súa honra fíxoa a poeta e ensaísta María do Cebreiro Rábade, que enxalzou a figura e a traxectoria de Pozo Garza. Este eloxio á vida da escritora de 97 anos incluíuse nun libro editado pola Fundación para a ocasión. Este volume de "ofrecemento" á autora contén tamén unha compilación de poemas e nuha fotobiografía, así como unha serie de textos escritos por un ronsel de persoeiros. O libro "Luz Pozo Garza. Ese xeito de amor que chamamos Galicia" recolle un dos máis fermosos poemas adicados a Otero: "Consagración de Trasalba". Para a autora, este volume é "unha preciosidade" que lle causou "moita emoción".

A xornada serviu tamén para reflexionar sobre o libro de Maribel Outeiriño que recompila os artigos de Otero Pedrayo nas páxinas de La Región. 


Saco: "Un premio cun prestixio enorme por quen o recibe"


"O Premio Trasalba non ten dotación económica pero ten un prestixio enorme, que goza polas persoas que o reciben", dixo Saco, nun acto ante autoridades como o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, ou o presidente da RAG, Víctor Freixanes.  

Te puede interesar