Madarnás impulsa unha nova ruta polos muíños do Pedriña

20200518191519026_resultado
O Concello instalou un panel informativo na Insua dos Poetas por onde transcorre o percorrido

A Asociación de Veciños de Madarnás, en Carballiño, traballa na homologación dun novo roteiro de senderismo deportivo cultural, para o que conta coa colaboración do Concello do Carballiño, a Fundación Insua dos Poetas e o Centro de Estudios Chamoso Lamas, que se encarga de documentar a riqueza patrimonial e paisaxística ao longo do recorrido.

O concello procedía nestes días a instalar un panel informativo no entorno da Insua dos Poetas sobre a ruta dos Muíños do río Pedriña, tamén denominado río Vello, segundo apuntaba o presidente da asociación de veciños, Adolfo Otero.

O panel, que foi deseñado polo biólogo e integrante do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Diego Reboredo, contén información histórica e etnográfica da contorna deste río que é un dos principais afluentes do Arenteiro.

Así, describe o conxunto de muíños deste río ao longo dun percorrido de 15 kilómetros, entre a Madalena e Godás do Río, pasando polos concellos do Irixo, Boborás e O Carballiño. Trátase dunha iniciativa que se enmarca no programa de valorización do patrimonio etnográfico do Carballiño, e que complementa outras melloras, como as xa feitas ou que se están realizando no Museo Etnográfico do Arenteiro e a súa contorna.

A idea do novo roteiro xurdíu no ano 2013 coa realización dunha andaina coincidindo coa celebración da Festa das Parroquias, "que gustara moito aos participantes", matiza Adolfo Otero. Por iso, comezouse a estudar o percorrido co fin de que a Federación Galega de Montañismo aprobe a súa homologación. 

Será circular, comezando no Gran Balneario do Carballiño e seguindo a Ponte Veiga, Castro da Barreira, muíños, petroglifos de Cangues, mámoa de Madarnás, muíño da Pedriña, Insua dos Poetas, A Saleta, e volta a Carballiño.

O percorrido está en fase de estudo para poñer en valor todo o patrimonio, ademais de intentar evitar tramos de calzada, para o que pedirase permiso aos propietarios das fincas polas que podería pasar o trazado, e que se non conceden o permiso obrigará a establecer desvíos.

Te puede interesar