Os maios toman o Campo da Barreira

Os escolares do Instituto e do colexio Padre Feijóo vestiron de tradición o Campo da Barreira e celebraron a Festa dos Maios, nunha xornada de alegría e participación á que se sumaron moitos pais, profesores e veciños 

OCampo da Barreira de Allariz vestíuse onte de festa coa celebración da tradicional Festa dos Maios. Os protagonistas foron os escolares do Instituto (IES) e do Colexio Padre Feijóo, que presentaron catro traballos, dous enxebres e outros dous artísticos, aos que se sumou un quinto, fóra de concurso, elaborado polo ciclo infantil do Padre Feijóo.

Ás 12,00 horas os rapaces, acompañados por profesores e moitos pais, saían dos colexios portando os seus maios, levándoos ata o Campo da Barreira e situándose na esplanada diante da iglexa. Ata alí se achegaron tamén numerosos veciños, principalmene xente maior, conformando con escolares e pais unha celebración interxeracional que ano a ano vai calando con maior forza na vila.

Trala colocación dos maios no espazo reservado para os mesmos, os rapaces procederon ó tradicional canto das coplas, que participaban nun concurso convocado polo Concello de Allariz. Na modalidade dos máis pequeños os premios foron para as aulas 5ºB (50 euros), 4º A e B (35 euros) e 1º de primaria (30 euros). Nos maiores, os tres primeiros premios, cos mesma dotación que os anteriores, foron para 4º de ESO, 2º de ESO e 1º de ESO.

En canto ó concurso dos maios, o 'Bugalleiro brincadeiro' gañou os 50 euros do primeiro premio na modalidade 'enxebre' e 'O soño da natureza' levou os 35 euros do segundo premio. Na modalidade 'artística', o gañador foi 'Labrego' e o segundo premio foi para 'Boispring'. Cada maio participante tiña, a maiores, unha subvención do Concello de 40 euros.

Logo do canto das coplas e da entrega dos premios, a celebración completaríase coa actuación do grupo de gaitas do Centro Sociocomunitario de Xinzo e dos nenos da Escola de Danza de Allariz. A última hora da mañá os escolares polían fin á festa, recollían os seus maios e facían o camiño de volta ata os seus respectivos centros.

Te puede interesar