Gastronomía

Máis de 80 empresas galegas participan esta semana na Feira alimentaria en Barcelona

Ourense estará presente con 22 mostras de viño do Ribeiro, 11 de Valdeorras, 20 de Monterrei e 25 da Ribeira Sacra

Un total de 86 empresas participarán esta semana na edición 41 da Feira Alimentaria de Barcelona, un dos certames deste sector máis destacados do ámbito nacional, para promocionar os produtos galegos co apoio da Xunta de Galicia.

As Consellerías do Medio Rural e do Mar, en colaboración con distintas empresas e consellos reguladores, promocionarán os produtos do agro e do mar de Galicia. Está previsto que tamén se despracen as conselleiras de ambos os departamentos, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana, o martes 17 e o mércores 18, respectivamente.

Ambas as consellerías estarán representadas na feira con diferentes postos que albergarán 86 empresas galegas do sector alimentario. Destas, 55 pertencen ao sector do agro, en ámbitos como a produción de leite, queixos, viño, carne de vacún, coello, ovos, castaña, pataca, croquetas, augardentes, licores, pan, empanadas ou sobremesa.

Outras 31 empresas ou entidades pertencen ás áreas de pesca, conxelado e conservas. As Consellerías do Medio Rural e do Mar colaborarán cos consellos reguladores e as empresas que participen para promocionar os produtos de calidade de Galicia.

Ademais da organización de degustacións e catas de produto, tamén se celebrará, "por primeira vez, un túnel do viño", no que estarán expostos os caldos dos expositores e os premiados nas catas de Galicia, xunto con augardentes e licores galegos.

Así, participarán un total de 185 mostras: 22 de viño do Ribeiro, 11 de Valdeorras, 91 de Rías Baixas, 20 de Monterrei, 25 de Ribeira Sacra e 16 licores tradicionais.


Promoción de produtos do mar


Ademais, a promoción de produtos do mar realizarase nun posto institucional con 591 metros cadrados de zona de exposición. Estará dividido en dous partes na zona `Expoconser`, na que haberá un espazo dedicado a negocios.

Te puede interesar