Imprimir

Máis aló de Compostela

Alfredo Conde |

Alfredo Conde | 14 de febrero de 2020

Decididamente unha cousa é o Ano Santo Compostelán, o ano Xubilar que se celebra cada cinco, sete e once anos, de xeito secuencial, si eu o recordo ben, que non estou seguro, pero si de que cada vez que o 25 de xullo cae en domingo pra lles ofrecer ós crentes a remisión dos seus pecados polo simple feito de atravesar a Porta Santa. Unha cousa é iso, e, outra ben distinta é o Xacobeo; ese invento do conselleiro Vázquez Portomeñe que tantas cousas boas trouxo pra Compostela e tantas lle leva restado ó conxunto da cultura galega, hoxe tan decaída.

É certo aquilo que dixo Goethe de que Europa se teceu arredor do Camiño de Santiago e que non debemos esquecelo. Pero tampouco non debemos esquecer que a realidade cultural galega, en si mesma, é importante e significativa no conxunto da realidade europea, distinguible no conxunto dela. 

Está moi ben que os que chegan a nós se deteñan en Compostela, visiten a catedral, atravesen a Porta Santa, esa a xeito de lavadora de conciencias que che deixa puro e limpo coma se acabaras de ser bautizado e que, pra conseguir que veñan con tal intención, se leven investido nos pasados corenta anos as inxentes cantidades de diñeiro que con tal afán se levan empregado. Por comezar por algún lado recordareilles que, mércores pasado, antonte, faleilles eiquí da Ribeira Sacra, de dous dos seus mosteiros románicos; pero que o mesmo puiden ter feito dos existentes na provincia de Ourense, outro invento do século XIX, ou dos do resto de Galicia enteira. 

A xente vai a Grecia pra contemplar as roínas da súa época helenística, por exemplo, pero tamén os seus mosteiros ortodoxos. E e que explicarlles a vostedes das súas illas cheas de praias ou dos bailaríns desa danza nacional recentemente inventada, difundida que foi por Anthony Quin dende que interpretou "Zorba el griego", a película baseada na novela de Nikos Kazantzakis, con música de Mikis Theodorakis, ou ó revés, compróbeno na Internet se dubidan coma mín.

A Compostela chegan cada ano uns poucos millóns de seres dispostos a acadar o xubileu, non poucos deles, ou a percorrer andando ese camiño interior que só o feito de camiñar vai abrindo. Iso está moi ben, nos dous casos. Sen dúbida. Pero pasan de largo polo resto da realidade cultural galega.

Nos anos 88 e 89 do pasado século leváronse a cabo en Galicia as tres máis importantes escavacións arqueolóxicas feitas en toda Europa naquel tempo. Quedaron moitas máis sen facer. Saben cantos dolmens, cantas antas e mámoas, cantos menhires se queren dicilo de varios xeitos, hai documentadas en Galicia? En que condicións están os que imos chamarlles parques temáticos deles; poucos porque en dous anos non deu tempo a máis, a deixar outros protexidos e sinalados. Cantos máis se abriron dende entón? En que condicións estás hoxe aqueles? Que proxección se leva feito da nosa riqueza correspondente ó noso período neolítico? Lévase feito a súa promoción, comezando pola súa conservación, ou máis ben o que se leva cometido é un abandono que se podería dicir culposo?

E que se leva feito a prol da nosa riqueza románica e barroca? Lenín explicou unha vez que o comunismo era equivalente ós soviets máis á electrificación. Deixando á parte o que realmente significou o comunismo na historia da humanidade, pero botando man do seu aserto, poderíamos dicir que Galicia é o mesmo que o seu neolítico, o seu románico e mailo seu barroco conxuntados. E que o seu futuro pode e debe basearse tamén na conservación e promoción deses seus valores; non só na proxección internacional do seu Camiño de Santiago. Que foi daquelas xuntanzas dos conselleiros de cultura de todas as autonomías polas que transcorre o Camiño que comezaron en tempos do finado conselleiro Alexandrino F. Barreiro e que a todas elas compete e beneficia?

A nosa riqueza patrimonial non reside unicamente en Compostela. Non só a riqueza monumental, tamén a natural e paisaxística, tan deterioradas ambas; non só a termal que só parece ter existencia ourensá, senón tamén aquel turismo encabezado polos pazos, que tanto se potenciou nalgún momento é que hoxe da toda a impresión de pasar desapercibido por completo, requiren atención do noso goberno.

Perdemos a nosa agricultura e perdemos a nosa artesanía. Que foi dos nosos ebanistas e cesteiros, que das escolas de canteiros, que da nosa industria do moble, a de Sarria ou a d'A Estada, hoxe tan reducidas en aras desa multinacional sueca que nos fornece de mobles que non sobreviven a un traslado de domicilio? Que pasou coa secular riqueza pesqueira das nosas Rías e da nosa industria encabezada por Pescanova? Que de tantas cousas que os máis novos xa non botarán nunca en falla pois non as coñeceron, nin as van xa coñecer, pois que lle daban un sentido á vida e que posiblemente xa non volvan?

Vainos quedando a nosa riqueza cultural, a que reside no románico e no barroco, si, pero tamén a que fai posible que unha editorial coma Galaxia publique cento vintecatro títulos literarios nun só ano ou que as produtoras cinematográficas filmen películas como as máis recordadas e recentes.

Antes era posible que cada casa tivese un eucalipto próximo con tal de se prover da súa follaxe pra poder facer vaos con ela no caso dos catarros, hoxe o noso monte esta está invadido deles en medida tal que temos máis eucaliptos nós que os que hai en toda Australia antes de que ardera case que ela toda. O resto son piñeiros e agora empeza a febre das mimosas, esa amarela cuberta vexetal exhaladora dun arrecendo adormecente e doce, enervante na mías prístina e real expresión do término.

Quédanos o noso patrimonio monumental, o conxunto do noso patrimonio cultural, antes de nos converter definitivamente nun país de churrasquerías ó que chega únicamente o restoballo dun turismo de tomate e bocadillo de calamares así que vaian tomando nota: En Ferreira de Pantón hailles un restaurante, o Topic, que loce un letreiro que di literalmente: "Durante el servicio de comidas no se sirven hamburgeusas, pizzas y sandwiches de 14'00 a 16'00" pois iso, pero millor en galego, claro. O cocido baixamolo en Goyan, conste.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección https://www.laregion.es/opinion/alfredo-conde/mais-alo-de-compostela/20200213225524925227.html


© 2020 La Región

© La Región S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons