Opinión

Maís sobre o ourensán no Desembarco de Normandía

O amigo Óscar Galansky de Moaña é un apaixonado das batallas. Ten un canal en Youtube -Tropa Guripa- onde emite a primeira serie-web sobre recreación histórica en España, desde 2012. As primeiras temporadas filmaron e amosáronnos eventos de recreación histórica de España e Europa cuxo atractivo popular é innegable. No 2017, empezaron o proxecto "Tropa Guripa en Normandía", visitando lugares ligados ao desembarco do Día-D e á Batalla de Normandía. E o outro día, escribiume ao ler a miña pequena homenaxe ao veciño de Coveliña, Ramirás, Adolfo Fernández, que participara en tal batalla, e, como especialista que é, corrixiume, puntualizoume e amplioume a información de que eu dispuña e gustosamente vou compartir con vostedes, para que queden cunha idea máis acertada da historia do personaxe en cuestión.

Primeiro, a localización exacta do soldado Adolfo: estaba integrado na sexta brigada de enxeñeiros (6th Engineer Special Brigade), do 517 Port Battalion, adscrito, no momento da batalla, ao primeiro exercito dos USA. De buscaren en Google tal batallón, terán, en inglés dous artigos sobre a súa historia. Dáse noticia do recrutamento dos soldados en USA e a instrución básica, o seu traslado a Inglaterra, a formación das unidades militares, o adestramento en Torquei e en Gales, ata do seu paso por Omaha e despois o salto ao continente. A súa era unha unidade encargada principalmente da loxística. No desembarco da descarga do material para o que facían continuamente viaxes entre a praia e os barcos ancorados ao longo da costa, moitas veces baixo o fogo inimigo. Segundo Carlos Galansky comenta, consultada a súa ficha de alistamento, daquela, non tiña a nacionalidade americana.

A chegada á praia parece que non se produce no primeiro momento, senón o 7 ou a tarde do 6 -a invasión comezara o día 6 ás seis e media da mañá- e non resultou ferido nese momento, senón días despois e xa fóra do maldito coiñal que era a praia. Unha vez curado seguiu coa súa unidade ata a fin da guerra. Os dous puntos de referencia principais nesta traxectoria foron, á parte de Omaha onde pasaron os primeiros meses, o porto belga de Amberes, lugar da máxima traxedia do batallón ao morreren 14 no impacto dun mísil alemán V-2; e o porto de Bremerhaven, na costa oeste de Alemaña, onde finalizaron a guerra. A finais de 1945 ou principios do 1946 produciuse a súa desmobilización e rematou a parte directa do conflito para Antonio, e despois, a volta, outros desacougos e lembranzas. Carlos Galansky está en contacto coa filla en Estados Unidos e quere seguir sobre o tema.

En calquera caso, Adolfo Fernández foi un combatente pola liberdade de primeira fila da parte aliada, como houbo outros recalcitrantes da nazi. Por poñer un exemplo, o pontevedrés Pedro Portela Ovalle, quen pelexou ata os últimos días defendendo o búnker de Hitler, xunto cos voluntarios franceses da División Carlomagno e os españois da Batallón Ezquerro, xa cando se retirara a División Azul. Por certo que Portela morreu en 2007 sen abdicar un ápice das súas ideas: foi candidato número dez ao Parlamento Europeo en 2004 pola Falange Española y de las JONS. En fin, sempre houbo xente para todo. Uns ben, outros mal.

Te puede interesar