Entroido 2020

A Mancomunidade planta cara ao machismo no Entroido

pegas2_resultado
photo_camera Algunhas das pegatinas que repartiranse durante a campaña.
Xunto ao CIM promoverá dúas campañas preventivas sobre estas conductas e para frear as adiccións

Baixo os lemas "No entroidiño, sentidiño" ou "Consumir mulleres non é de compadres", a Mancomunidade de Municipios de Monterrei e o Centro de Información á Muller -CIM- promoverán para os días centrais da festa do Entroido  dúas campañas de sensibilización contra as conductas aditivas e os comportamentos machistas. No último caso, trátase de "Preventroido 2020", un plan dirixido á poboación máis moza e que pretende abordar temáticas de especial relevancia como a educación sexual, a aceptación da diversidade e a erradicación das mencionadas conductas machistas en Monterrei. Para esta finalidade, o CIM, en colaboración cos servizos sociais da comarca, poñerá a disposición da xuventude 5.000 adhesivos en tódolos concellos, e tamén na tenda do Entroido de Verín. O plan terá continuidade o resto do ano mediante diferentes obradoiros e reparto de material. 

O obxectivo de "Preventroido 2020" pasa por garantir unhas festas igualitarias onde se respecte a imaxe da muller, e haxa tolerancia cero ante calquera forma de violencia machista. Ademais, procurarase dar a coñecer os recursos educativos e de intervención especializada dos que dispón a comarca, empregando o uso da sátira do Entroido para achegar a entidade comarcal á poboación moza e destapar un tema tabú como o da educación sexual. 

No que atinxe ao plan para frear as conductas aditivas neste tipo de festividade, a Mancomunidade promoverá os plans "Rondando pola vida" e "No entroidiño sentidiño". Con eles búscase fomentar o uso do taxi e o transporte urbano, así como o desfrute dun Entroido saudable con consumo responsable. 

Ambas campañas están dirixidas aos xóvenes coa finalidade de axudalos a desfrutar duns días de lecer alonxados de condutas como pode ser o consumo de alcohol, drogas e outro tipo de sustancias perigosas. As dúas enmárcanse no programa "Actividades transversais". O presidente da Mancomunidade de Municipios de Verín,José Luís Suárez Martínez manifestou que "queremos aproveitar estes días de festa para achegarnos á xente xoven que é a que maior sensibilidade presenta a hora de celebrar o Entroido e desfrutar das festas e do tempo de lecer. Estamos convencidos de que facelo dun xeito responsable é posible".

Os xoves repartiranse carteis e adhesivos nos negocios hosteleiros de Verín, e tamén nos taxis e autobuses polo equipo de prevención de conductas aditivas da Mancomunidade de Verín.

Te puede interesar