Cultura

Manuel Valcárcel inaugura a súa mostra fotográfica sobre a auga

 "A auga. O sangue e a terra", unha mostra fotográfica de Manuel Valcárcel será inaugurada hoxe venres, ás 13,00 horas, na Casa da Cultura de Xinzo. Esta exposición, que se poderá visitar ata o vindeiro 29 de novembro, de luns a venres, de 09,00 horas a 14,00 horas e de 16,00 horas a 21,00 horas, realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Na mostra aparecen lugares tan lonxanos como Nova Celandia, a India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a cunca do lugués río Lor. Todos estes lugares foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a súa presenza ou ausencia nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. 

Esta iniciativa será posible grazas á colaboración entre o Concello de Xinzo de Limia, Abanca e Afundación, institucións que estarán representadas no acto de inauguración de hoxe grazas á presenza da alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; o coordinador de Negocio Institucional de Abanca en Ourense, Mateo Alonso San Román; e a coordinadora institucional de Afundación para Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano.

Esta colaboración é parte do proxecto denominado "Corrente cultural", que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo tamén nas vilas máis pequenas coma Xinzo de Limia.

Te puede interesar