LETRAS GALEGAS 2018

María Victoria Moreno era "completamente diferente a unha profesora normal"

24ca2f8899a85deace6531c0935472ef_result

O Día das Letras Galegas do 2018 está adicado este ano á figura da profesora e escritora que naceu en Cáceres pero sempre foi unha galega de adopción

María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara-Cáceres 1939-Pontevedra 2005) era "completamente diferente a unha profesora normal". Así a describe Tomás González, un dos seus alumnos que seguiu o camiño das letras e que foi o seu discípulo nos últimos anos nos que exerceu no Instituto Torrente Ballester de Pontevedra.

"Viña moi ben formada, era nova, empatizaba cos alumnos e foi realmente un impacto para moitos, sobre todo, para os que empezabamos a escribir, aos que ela protexía con especial coidado"

Non en balde, causou "impacto" tanto entre os seus alumnos de Lugo aos que impartiu baixo a ditadura franquista, onde entrou en contacto coa lingua galega, como entre os nados nos anos 80, a última xeración á que deu clase no Instituto Torrente Ballester de Pontevedra antes de morrer como consecuencia dun cancro en novembro de 2005.

O poeta e narrador Xesús Rábade Paredes é un dos seus discípulos máis destacados e a el coñeceuno cando exerceu en Lugo. "Acababa de chegar a Galicia e os primeiros cursos impartiunos no Instituto Masculino de Lugo. Viña moi ben formada, era nova, empatizaba cos alumnos e foi realmente un impacto para moitos, sobre todo, para os que empezabamos a escribir, aos que ela protexía con especial coidado", describiu Paredes.

A principios do curso 1965-66, María Victoria Moreno aprobou as oposicións de profesora agregada de Lingua e Literatura española e o seu destino foi o Instituto Masculino de Lugo, onde tomou posesión o 1 de novembro dese primeiro ano, tal e como figura na biografía publicada por Galaxia da autora Montse Penas Presas. En 1967 deixa este centro e incorpórase ao Instituto Feminino de Pontevedra.

Alí entre as súas alumnas volveu causar "impacto". Algunhas, como Ángeles Couto -que viña da emigración en Uruguai- e as súas amigas lembran hoxe en día á súa profesora como a primeira persoa que lles ensinou lingüística, un ámbito da Lingua que nunca antes lles explicaron. E sorprendeu deixándose tutear e permitindo "fumar" ás súas alumnas naqueles inicios da década dos 70 nos que, con todo, non estaba prohibido en lugares públicos.


"Facilitou libros que non chegaban a ninguén"


María Victoria Moreno, como profesora, facilitou libros que "non chegaban á xente da rúa nin ao profesorado sequera porque estaban prohibidos pola ditadura" e, ademais, deu clases particulares, algunhas na clandestinidade, aínda que o seu altruísmo neste ámbito executouno até o final da súa vida.

Así o lembra Tomás González, quen se acordou de como recibiu na súa casa aos fillos dunha familia musulmá en Pontevedra para darlles clases de lingua e conseguir a súa integración, ademais de ofrecerlles comer no seu fogar. No franquismo, eran "longas as conversacións no seu coche" con Rábade Paredes, lembra o poeta.

E de feito, antes de que ela axudase a esta integración de quen viñan de fóra no ano 2000, foi María Victoria Moreno a que se incorporou á cultura galega. "Chegou a Galicia disposta a integrarse nun país que ten unha cultura", asegura Rábade Paredes, quen atribúe esta circunstancia ao "talante persoal" dela, quen procedía da Universidade Complutense de Madrid da man de Dámaso Alonso e Rafael Lapesa.

Como profesora, en palabras do escritor lucense fincado en Rianxo, captou "devotos" e detectaba os "talentos" entre os alumnos. E a través "fundamentalmente" del e outros discípulos procedentes do rural, dixo, entrou en contacto coa lingua galega.

"Sen os seus cachorros (alumnos), morría"

"Ela foi cabal e honrada na súa transmisión. Por iso foinos tan mal naquela etapa na vida a moitos; xustamente, por comprometerse, por explicar a literatura cabalmente", asegurou Rábade Paredes, quen tamén lembrou que Xesús Alonso Montero foi a outra figura a través da cal entrou con contacto con Galicia.

Rábade Paredes rememora que a súa relación profesional "non se interrompeu nunca" e ela "coidou" os seus textos e mesmo promoveu a publicación da súa primeira obra poética, unha forma de ser mestra que lle acompañou durante todos os anos de docencia. "Era moi próxima. Falaba da vida e tiña unha capacidade especial para percibir á xente que escoitaba, aos que non se rían dela", comenta, pola súa banda, Tomás González, cofundador da cooperativa que creou Urco Editora.

María Victoria Moreno, dixo citando as propias palabras da escritora, "sen os seus cachorros (alumnos), morría". Non en balde, a escritora, que deixou 5.000 volumes como legado á Biblioteca do Instituto Torrente Ballester -como lembrou o seu director, David Castro-, tentou dar clase até o final, mesmo cando semanalmente tiña que acudir ao médico para recibir as sesións de quimioterapia.

Te puede interesar