Opinión

Martín Máez e Susana Seivane

Martín Máez e Susana Seivane.
photo_camera Martín Máez e Susana Seivane.

Sorpréndeme gratamente que aínda queden artistas que se atrevan a ofrecer os seus novos traballos en formato CD; o normal agora é que utilicen fundamentalmente as redes sociais e outras plataformas como medio de promoción.

Eu sempre tiven a inmensa fortuna de poder poñer na radio o que me petou, e así o sigo facendo, apoiando decididamente a todos os nosos artistas que con grande esforzo persoal, e deixándo a pel e os seu aforros, tratan de que a súa música chegue o máis lonxe posible. Nestes momentos tan complicados é cando máis precisan que os que estamos diante dun micro ou dunha cámara fagamos de amplificadores, tanto dos xa consagrados como dos que están botando a andar a súa carreira ou os que o levan intentando con diferente fortuna en varias ocasións. Nestes momentos nos que os palcos e auditorios están criando teas de araña é cando máis hai que loitar para que a música galega siga tendo presenza nos medios e que o público non esquenza, para que a volta, que ten que haber volta, sexa exitosa.

Esta mesma noite, na Radio Galega conversarei con Martín Máez que acaba de publicar un estupendo disco titulado “Hábitat”, un traballo feito con moito corazón e que presentou a pasada semana na Sala Ártica de Vigo. Para a posta de longo do seu novo disco acompañouse dunha estupenda banda e estivo arroupado por un público entregado que respondeu estupendamente ás medidas de seguridade esixidas e que gozou enormemente con todo o que Martín tiña que contarlles e cantarlles; e digo contarlles porque é un traballo moi pensado, con cancións para a reflexión e mesmo para a reivindicación; non é a primeira vez que este artista manifesta o seu compromiso con causas importantes como a diversidade sexual. Son seis estupendas cancións que tamén nos convidan a movernos, e mesmo a queimarnos de paixón, como ocorre co seu primeiro single “Ardendo”.

Onte pola noite tamén puiden presentar no meu programa de radio o último traballo da nosa gaiteira universal Susana Seivane titulado “Dende o meu balcón”, que recolle todas as pezas que durante 55 días de confinamento interpretou para os seus veciños á hora dos aplausos, e logo para todo o mundo a través das redes sociais; unha maneira marabillosa e altruista de poñer alegría e arte entre tanta tristura. Son 55 temas agrupados en 20 suites que a Seivane interpreta tocando oito gaitas de diferentes tonalidades que deixan clara unha vez máis a súa mestría.

O disco supón un regreso ás raices tradicionais coas que Susana empredera a súa carreira. Prométolles que é unha gozada escoitar os novos sons de pezas tan coñecidas por todos como a “Muiñeira de Lugo”, “A Carolina”, “O Sacristán de Coimbra”, a “Marcha Procesional de San Benito”, realmente marabillosa, a “Muiñeira de Chantada” ou “A Rianxeira”, entre moitas outras; sen esquecer esa “brincadeira” que Susana quixo ofrecer aos seus “Seivaneiros” recreando o “Vivir así es morir de amor” de Camilo Sesto, posiblemente pola fartura que todos tivemos do “Resistiré”.

 Mil gracias a Susana Seivane e a todos os artistas que nos regalaron tanta arte e tanta alegría, e que saiban que cando volvan aos escenarios alí estaremos para recompensarllo. 

Te puede interesar