Maside realiza medicións do gas radón nas vivendas

O Concello e a Universidade colaboran na elaboración dun mapa

O Concello de Maside asina un convenio de colaboración co Laboratorio de Radon de Galicia (LRG) da Universidade de Santiago de Compostela para a medición do gas radon en vivendas e a elaboración dun mapa de radon do concello para a promoción dunha vida saudable e para a caracterización e medición dos riscos para a saúde.

As medicións faranse con detectores de longa exposición (de tipo Alpha-track), mediante procedemento acreditado pola ENAC. Así mesmo, segundo informa o arquitecto municipal. Óscar Gónfer, nunha primeira fase as vivendas a medir deberán reunir determinadas características como estar ubicadas no Concello de Maside e que a persoa ocupante estea censada neste municipio; serán unifamiliares, illadas ou adosadas, tendo preferencia as que teñan soto; e levarase a cabo a medición sempre que o propietario desexe coñecer a concentración de radon.

A iniciativa permitirá coñecer o terreo para novas construcións e mitigar o gas nas vivendas afectadas

Nesta primeira fase medirase unha vivenda por cada núcleo de poboación, un total de 69, e os resultados serán confidenciais e proporcionaranse de xeito exclusivo aos propietarios, ademais de ser integrados de forma anónima no mapa de radon de Galicia. Posteriormente, as medicións continuarán realizándose segundo sexa necesario.
Galicia é unha das zonas cos índices máis elevados da Península Ibérica debido á abundancia de granito. Con esta medida, segundo apuntaba o alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, preténdese coñecer os terreos para a construción de novas vivendas, así como a adopción de medidas para a reducción do gas nas casas xa habitadas.

O convenio de colaboración entre Maside e o LRG é o primeiro da provincia de Ourense e o segundo en toda a comunidade autónoma despois do asinado polo de Teo. 

O Concello de Maside leva máis de dous anos –a través da súa Oficina municipal de urbanismo– prestando de forma gratuíta servizos de xestión co LRG para realizar as medicións e de asesoramento sobre as posibles medidas de mitigación, cun total de 32 medicións repartidas ao longo de todo o municipio e que abarcan vivendas unifamiliares, negocios e locais comerciais, edificios de uso público municipais e privados de pública concurrencia, o colexio e o centro de saúde.n

Te puede interesar