LA REVISTA

Melania Pérez-Cruz: "Grazas a miña avoa son actriz"

photo_camera Melania Pérez-Cruz.

La actriz interpreta a "Raxada" en A Esmorga, de Ignacio Vilar

Melania Pérez-Cruz interpreta a "Raxada" en A Esmorga, de Ignacio Vilar. Un personaxe cheo de matices que traballa arreo por sobrevivir e sacar á familia adiante nun contexto de opresión e miseria. Pero a versátil actriz tamén está acadando moitas alegrías e satisfaccións coa obra Perplexo, de ilMaquinario Teatro.

Que supuxo para vostede interpretar o personaxe de "Raxada" en A esmorga?

En primeiro lugar, unha experiencia inesquecible por emprender un proxecto así acompañada de tan excelentes profesionais tanto no equipo artístico como no técnico. Por outra banda, unha grande oportunidade, xa que estrearse no cinema cun personaxe destas características é un pracer, e o feito de poder facelo en galego no panorama audiovisual foi unha débeda cumprida con Blanco Amor, e un auténtico orgullo.

Foi complicado meterse na pel dunha muller forte frente á adversidade?

A responsabilidade era moi grande. Interpretar un personaxe que dalgunha maneira existe no imaxinario colectivo tratando de non defraudar as expectativas supón unha presión engadida, pero aínda supón unha maior responsabilidade o feito de facelo despois das propostas levadas a cabo por Sarabela Teatro. É un personaxe moi fermoso, con moitos matices, que aínda que non apareza durante a totalidade da longametraxe sempre está presente e encarna a moitas mulleres de Galicia que traballaron arreo por sobrevivir e por sacar ás familias adiante en situacións de opresión e miseria. Nela conviven a tenrura e a fortaleza en grandes doses.

Arrísquese...  haberá Goya no palmarés da película?

Coido que A esmorga pode competir en igualdade de condicións con calquera outro guión adaptado e que certamente ten moitas posibilidades.

Cando Melania Pérez-Cruz percátase que nela hai alma de actriz?

De pequena xogaba moito e recreaba neses xogos situacións que me interesaban, imaxinaba outros mundos e outras vidas posibles. Tiven moita sorte porque os membros da miña familia trataron de potenciar a miña creatividade e imaxinación a través de distintas actividades. A intervención da miña nai foi decisiva, coido que, especialmente, nos anos de adolescencia xa que adoitaba levarme ao teatro, a conferencias diversas, a museos, a presentacións de libros, e foi quen me inxectou a curiosidade por viaxar a outros lugares.

A súa adicación á docencia é un plan de futuro?

A verdade é que levo realizando actividades relacionadas coa docencia dende hai anos, supoño que porque me vin rodeada de nenas e nenos por cuestións familiares e laborais. De feito, o meu traballo como profesora foi o que me permitiu poder estudar Arte Dramática. Estes últimos anos a docencia teatral e a interpretación foron e van da man. Nisto a miña avoa Pilar, que sempre me acompañou ata hai ben pouco, tivo moito que ver: insistiu en que estudara Maxisterio para despois poder estudar Arte Dramática. Ela sempre me apoiou nesta viaxe, era a espectadora ideal que eu tiña na cabeza en cada proxecto que emprendía e fun moi afortunada porque puiden gozar do seu consello e da súa compañía durante bastantes anos. Era unha MULLER (en maiúsculas) con pensamentos de raíz sumamente feminista que influíu moi positivamente en todas as Cruz da miña familia. En moi boa parte grazas a ela podo dicir que son actriz.

Teatro, cine, axudante de dirección... onde se atopa máis cómoda?

En calquera espazo que me permita intercambiar opinións e construír universos con outras persoas coas que compartir ilusións.

Que é o que máis lle seduce do teatro?

Supoño que cada detalle do ritual que o envolve: dende pisar a madeira do escenario ata observar os ollos das persoas que deciden compartir contigo unha parte do seu tempo asistindo a unha función , o feito de producirse no aquí e no agora que fai de cada representación algo irrepetible.

É moi crítica consigo misma?

Adoito ser esixente comigo mesma porque penso que a análise e a constancia axudan a medrar e mellorar no traballo e a non perder a perspectiva.

O teatro axuda a coñecer mellor o ser humano?

Sen dúbida, aínda que moitas veces vexamos a alguén facer cousas tan terribles ou sorprendentes que non alcancemos a comprendelo.

Cal foi a súa experiencia más intensa?

Katurian K. Katurian, na peza O Home Almofada, de ilMaquinario Teatro, un personaxe co que entrei en contacto en 2012 e co que continúo grazas á maxia do teatro. Para min foi e segue a ser todo un reto en cada función, xa que durante a case hora e media que permanezo en escena non deixo de sorprenderme.

Te puede interesar