O RIBEIRO

O mellor cartel da Feira do Ribeiro, dunha madrileña

O xurado mostra o cartel gañador para anunciar a feira.
photo_camera O xurado mostra o cartel gañador para anunciar a feira.

A deseñadora Laura Pastor foi elexida a gañadora entre 186 propostas

A madrileña Laura Pastor Lorente é a gañadora do Concurso de Carteis da 56 Feira do Viño do Ribeiro. O xurado resolveu este xoves entre as 186 propostas presentadas nesta edición do concurso, procedentes do ámbito nacional e internacional. A gañadora é diplomada en deseño gráfico e é ilustradora de varios contos infantís. Leva gañados diversos premios en concursos de carteis para festivais, certame de curtas e festas de diversa índole. En referencia á idea do cartel, a súa autora comenta que "trataba de facer que se fundan as cepas da Denominación de Orixe Ribeiro cos consumidores do seu viño, queda claro mirando como se funde o pelo da rapaza no tronco da vide mentres degusta pracenteiramente un viño".

Para a elección do seu cartel anunciador, o Concurso de Carteis da 56ª Feira do Viño do Ribeiro contou cun xurado multidisciplinar integrado por profesionais no ámbito das artes, comunicación e deseño gráfico. Ao longo da xornada de deliberación das 186 obras participantes foron sometidas ao xuízo destes profesionais, resultando a obra gañadora premiada con 1.000 euros. 

A Feira do Viño do Ribeiro está prevista para os días 3, 4 e 5 do próximo mes de maio. Organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e polo Concello de Ribadavia, nesta edición contará coa presenza de 38 produtores de viño, entre colleiteiros e adegas industriais.

Te puede interesar