museo

Na memoria dos artesáns da saúde

Un numeroso público participou onte na inauguración do Museo que se ubica en Maceda (ÓSCAR PINAL).
photo_camera Un numeroso público participou onte na inauguración do Museo que se ubica en Maceda (ÓSCAR PINAL).

O Museo do Médico Rural abriu onte as súas portas da man do doutor local José Manuel Lage, que durante a súa traxectoria profesional foi recompilando un amplo catálogo de material médico orixinal. 

Foron moitos anos recompilando todo tipo de material médico. Moitos anos admirando o traballo daqueles que foron antes ca el. Moitos anos soñando con habilitar un espazo no que renderlle homenaxe. Agora, despois de todos eses anos, o proxecto de José Manuel Lage converteuse nunha realidade. As portas do Museo do Médico Rural abriron onte pola tarde as súas portas nos baixos da casa consistorial para amosarlle a tódolos veciños e visitantes de Maceda o traballo destes artesáns da saúde. O doutor Lage sabe do que fala porque el mesmo exerceu esta profesión na súa vila natal durante 40 anos. Por iso e gracias ó seu empeño, Maceda alberga hoxe máis de 800 pezas de material médico, entre elas a primeira máquina de radiografías que chegou a Ourense.

Ante un salón de plenos ateigado, José Manuel Lage quixo agradecer a colaboración do Concello para que este soño se convertera en realidade e agarda que se constitúa como Museo do Médico Rural de Galicia en homenaxe a todos aqueles que exercen a profesión nun entorno onde "conviven día a día cos seus pacientes". Tamén en memoria dos médicos rurais pronunciou unhas palabras o alcalde de Maceda, Rubén Quintas lembrando que "facían verdadeiras marabillas" e congratulouse de que o seu municipio conte dende onte con este espazo que será un "referente" da medicina en Galicia. 

Na presentación interviñeron tamén o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. Os tres tiveron palabras de agradecemento para Maceda pola iniciativa, así como para o papel que os médicos rurais xogaron na vida cotiá da Galicia pasada. "O trato á persoa é fundamental", precisou Vázquez Almuíña, sinalando "esa proximidade" como o valor fundamental dos doutores que exercen no medio rural.

Te puede interesar