Opinión

O meu dereito á ignorancia

Non as teño todas comigo á hora de escribir este artigo. Se cadra non o debía facer. Pero si, vou dar a miña opinión sobre o tema. Efectivamente. Defendo o meu -e o seu tamén, querido lector- dereito á ignorancia. Selectiva, por suposto, pero ignorancia. Falo, en concreto, da ignorancia dos temas tóxicos que nos machacan desde os medios de comunicación e non nos achegan nada bo, só carraxe e malestar. Porque díganme, señores, que gañamos con ver todos os días o circo mediático ao redor do xuízo do violador e asasino ese da costa que matou unha nena de Madrid e a botou a un pozo. A min, que son un tanto túzaro para estas cousas, non me importaría que despois de recuperaren o corpo da rapaza, o botasen a el de cabeza no pozo, volvesen poñer a tampa, e santas pascuas. Pero dado que as cousas non funcionan así, por sorte, pois débese levar a cabo o procedemento que marque a lei coa máxima celeridade, rixidez pero tamén reserva e silencio. Un ser coma ese pillado nas patacas cando trataba de facer algo semellante con outra, co seu historial depredador, non debe gozar de atención mediática, da “fama” da infamia. Non, o pan e circo non pode chegar a tanto. 

Os romanos tiñan a damnatio memoriae que era unha pena que consistía en borrar para sempre o nome dunha persoa. Así, por exemplo, nos miliarios que hai entrando na ponte de Chaves, hai unha serie de liñas repicadas, para que ningunha xeración lembrase sequera o nome do emperador que, na opinión do que mandou logo ca el, merecía ser eliminado do mundo dos recordos e de cuxa lembranza abominaban. Pero iso eran cousas da política romana. E isto do que falo agora, non é; só de hixiene social de arestora. A que vén ver a ese individuo nos telexornais durante días e días coas súas patrañas, facendo o paripé de inxenuo, etc. e sabéndolle todos, nome e alcume? A que vén esa enxurrada de datalles macabros? Que gañamos? 

Sabemos que o mal existe e que debemos tratar de que haxa o menos posible. Por iso, mellor sería que ninguén o lembrase, borralo da historia a posteriori dado que nada puidemos ter feito para facelo a priori. Só podemos tentar que non viva no imaxinario colectivo e na lembranza. Estivese el no fondo dun pozo, cabeza abaixo, ou vivo na máis escura cela dun cárcere eterno, ninguén debería saber nunca máis del. Eu quero defender o meu dereito a ignoralo. Ademais, a hiperpresenza mediática, moi difícil de xestionar e que casa mal coa dor, creo que foi moi mala para a estabilidade da familia. 

En fin, é unha indignidade dedicarlle un só segundo de telexornal e, se cadra, escribir del como o estou facendo eu agora. Extraese algún sentimento positivo da visión desa miasma falando diante do tribunal? Para que serve este espectáculo sobre unha infamia inmensa? Para que algún demente -os dementes tamén ven a televisión- queira seguir o exemplo? Fáiselle algún ben á pobre rapaza e á familia? E ao conxunto da sociedade? Impide isto que outro louco trate de facer o mesmo nalgún outro momento? Non señores, non serve para nada máis que para encabuxarnos, para que esteamos absortos cun tema de extrema dureza e pouco percorrido intelectual: un asasino mata salvaxemente unha nena inocente. Non me interesan os detalles. A ninguén lle deberían interesar. E igual de simple debería ser a continuación da historia despois da dor: dureza absoluta, o máximo castigo que permita e lei e punto. E borrar a toxina do sobreexceso de información.

Te puede interesar