Opinión

A miña experiencia como xurado

Ando a ler un libro que algúns tachan de "moi divulgativo", como se iso o empequenecera; pero hai que ter non só un gran coñecemento da realidade na que hoxe habitamos senón tamén da historia, de toda a historia que nos precedeu e nos fixo ser quen e como somos. 

Trátase dun libro que é coma un río e mentres discorre entre brañas e logo penedos, e logo brañas de novo, leva no seu seo substancias e esencias tan distintas das que ha levar cando as súas ribeiras estean habitadas de amieiros e nas súas augas vivan sábalos e lampreas, salmóns, londras e non só as troitas veloces que se abeiran ás pedras, as anguías que se agachan saben deus onde antes de aventurar entre os encostados prados que ofrecen as máis doces herbas que pace o gando, mentres buscan a sombra, nas seráns calorosas dos veraos.

Hai que coñecer moi ben a historia e tamén a xeografía mental que os humanos albergamos nas nosas caixas da memoria pra ofrecer un recorrido tan prodixioso e tan ameno como o que se contén en "El infinito en un junco. La invención de los libros en el mundo antiguo". Escribiu tal xoia literaria Irene Vallejo, que seica tamén é novelista e se lle nota, e acaba de publicalo, un mes destes, a editorial Siruela na súa Biblioteca de Ensaio.
Espero rematalo pronto, non moi pronto porque a súa lectura é o abondo suxerinte como pra ter que facer repousos, coma se fosen relanzos dese río do que falabamos hai nada; relanzos que che permitan reflexionar sobre o lido ou habitar na memoria que gardas dos anos primeiros, nos da mocidade e mesmo nos da madureza e, se mo permiten, mesmo destes meus de hoxe que moito me gustaría que fosen os da primavera da vellez na que xa estou instalado...se é que non o estou xa no seu outono e xa todo se aveciña.

Cando remate a lectura deste ensaio hei buscar as novelas de Irene Vallejo, a ver que pasa con elas. Fago esta precisión por aquilo de que gato escaldado fuxe da auga. Formo parte dalgúns xurados literarios e nun deles vai pasar este ano o mesmo que pasa sempre que hai dous, tres, catro ou máis libros merecentes do premio: que deterxidos os criterios literarios son outros criterios os que deciden o premio. Como vivo onde e como o fago non frecuento o "mundillo" literario e carezo da información que as veces fai que a balanza escore baixo o peso de coñecementos persoais, así que a falta deles armeime coa lectura doutras obras de autor dun texto que me entusiasmou cando o lin: pedín un par de novelas súas e linas pra poder argumentar no seu favor, chegado co caso, apoiándome na súa calidade "de sempre". Vana ilusión, as dúas novelas caéronseme das mans, viñéronseme embaixo e vou ter que defender a miña favorita en base ó que creo ter apreciado nela. Menos mal que se me sucede o mesmo coas novelas de Irene Vallejo non ha ter transcendencia algunha. 

Te puede interesar