melloras

Monterrei busca financiamento para mellorar o pobo de Vilaza

Ángeles Vázquez e José Luis Suárez.
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, co rexedor de Monterrei, José Luis Suárez.
Preténdese urbanizar o entorno da Capela de San Miguel, tal e como asegurou José Luis Suárez

O rexedor de Monterrei, José Luis Suárez, mantivo unha xuntanza de traballo coa responsable autonómica de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, co obxectivo de explorar vías de colaboración entre ambas institucións para acometer un proxecto de humanización de rúas no núcleo de Vilaza. Neste senso, Suárez matizou que a finalidade é urbanizar o entorno da Capela de San Miguel.

Grazas a esta intervención, arranxaríase o pavimento tan dispar que presentan as tres rúas colindantes coa igrexa da localidade -Capela, Cova e Santa María- e que ocasionan un impacto moi negativo na estética do núcleo. Para acabar con esta discontinuidade, o proxecto municipal pretende substituir o pavimento actual por 15 centímetros de formigón cepillado de cor ocre e adoquíns nos lindes coas vivendas da zona, coa finalidade de poñer en valor a contorna da Capela de San Miguel.

Tal e como subliñaron dende a Consellería de Medio Ambiente, este departamento colabora dende hai anos e mediante diversas liñas de axuda, no desenvolvemento de intervencións urbanísticas de humanización orientadas a frear o despoboamento rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, a mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas e cidades galegas. 

Por outra banda, Vázquez comprometeuse a estudar co Instituto Galego de Vivenda e Solo -IGVS- a existencia dalgunha liña de axudas á que poidan acollerse os titulares das vivendas de Monterrei afectadas polas riadas que asolaron este concello durante o mes pasado. O alcalde da localidade recordou que a chuvia, acompañada de pedrazo, arrastrou montaña abaixo pedras, terra e outros sedimentos que provocaron numerosos danos, tanto en bens públicos como privados.

Te puede interesar