protesta

Marcha pola defensa do Río Támega en Cerdedelo

Adega Monterrei foi quen de congregar a medio cento de persoas en loita polas verteduras das obras do AVE ó cauce

Máis de medio cento de persoas se deron cita na tarde de onte para recorrer os pouco máis de 400 metros que separaban a localidade de Cerdedelo, en Laza, coa balsa de "A Abesada", suposta estrutura nas obras do AVE que acabou por ocasionar unha das máis graves verteduras ao río Támega das últimas datas no pasado mes de maio. 

Alcanzado o obxectivo, os membros convocantes leron un pequeno manifesto no que criticaron a xestión política dunhas verteduras "de metais pesados unha e outra vez durante os últimos cinco longos anos. A Consellería, a Confederación, e a maior parte dos concellos, que terían que ser os encargados de velar pola saúde dos nosos ríos, miraron para outro lado unha e cen veces", sinalaron públicamente na tarde de onte. 

A iniciativa, capitaneada pola Asociación Adega Monterrei-Salvemos o Támega, de Defensa do Dano Ecolóxico en Galicia, estivo respaldada polo Concello de Verín -alí estaban o alcalde da vila, Gerardo Seoane, e o seu teniente de alcalde, Diego Lourenzo-, o sindicato nacionalista CIG, a formación En Marea e o Bloque Nacionalista Galego. Non había, pola contra, representación dos Concellos de Laza, Monterrei e Oímbra, malia estaren convidados pola organización como tamén afectados. Dende Adega Monterrei aseguraron que "esta é a primera das medidas levadas a cabo, pero seguiremos nesta liña de reivindicación, tamén na vila de Verín, ata que as prácticas das construtoras cesen".

Te puede interesar