ARTE ET ALIA

Multiverso, dous items e sete estrelas de Xosé Lois

O Multiverso de Xosé Lois Vázquez.
photo_camera O Multiverso de Xosé Lois Vázquez.

Esoutro día asistín a un acontecemento de arte en Ourense: Xosé Lois Vázquez inauguraba no Espazo de Arte de Roberto Mariño ‘Verino’ na rúa do Paseo. Apenas un feixe de obras abondan para falar da súa creatividade, revelando os camiños, corredoiras e autopistas do seu pensamento plástico. 

Estas últimas exprésanse coas obras “Multiverso”, que coloca no frontispicio da sala, pois son a formulación do seu universo persoal. Estas estrañas e subxugantes paisaxes nas que o artista coloca unhas composicións en primeiro termo, diante duns espazos de escasa luz, aquelándoas diante duns espazos de solpor ou nocturnos..., unidas todas elas polo cordón umbilical da enerxía que retroilumina cadansúa obra. A escala en todas elas é unha das claves compositivas. E as fotos, así construídas, son a proba tanxible da existencia fenomenolóxica no tempo. Distinta na temática son os dous “items”, proposta tamén de gran porte, un formato que lle permite o xogo coa escala, obras nas que predomina unha aparencia escultórica ou industrial, outra volta á realidade irreal que se fai táctil. Como sinala Vitor Nieves, curator da exposición, esta pertence á súa serie “Arquitecturas do desastre”, de 2011-2013; e aquela a “Crin que non volvías”, de 2008. O traballo no exterior e o estudo, e a diferente iluminación, fan de ámbalas dúas uns mundos de autor que buscan quen lles escriba o relato que exprese dende o contexto a emoción e a fondura das súas teses.


Un Setestrelo 


Este de Xosé Lois Vázquez, o noso «Ché», é de 2016, serie que se inspira directamente nunha poda na contorna de Ourense que coñece ben o autor. Dende a acción destrutiva dunha tala, coa ramaxe amoreada na terra, e os grandes arbustos de peche de finca xa sen follas, que o artista documenta nun lusco fusco, e mirando para o ceo nocturno asocia a súa secuencia fotográfica á constelación da Ursa Maior: así na sala coloca aliñadas seis estrelas-foto e nun extremo, separada e distinta, a sétima, que sería a estrela Benetnash do setestrelo. Ante o ceo eterno, a vida volverá medrar nun novo comezo, nun eterno retorno. E se na arte hai algo dos conceptos de Land Art en paralelo hai moito dunha viaxe interior. Está a súa preocupación subxacente pola destrución indiscriminada e o coidado da natureza. Así aquela obra da colectiva dos autorretratos no Centro Cultural da Deputación en 2018, “Son ti mañá, mírame”, unha chamada de atención... Agora, neste tempo de inverno, a súa fotografía escintila con forza en Ourense sinalando camiños dende o recuncho do local comercial dedicado ás exposicións plásticas polo modisto e empresario de Verín que o día do vernissage foi unha festa para os ollos. Malia o ateigado que estaba, seguiuse coa atención debida as súas explicacións, quen nos presentou as súas propostas con emoción e prodigalidade. Os instantes nos que no público se unía o respecto pola palabra e o creador foron maxia. As (re)creacións do seu maxín son Fotografía Escenificada, como sinala o curator, que ten presenza explícita cun texto entre as fotos, mestre e discípulo en osmose. Espléndido epítome.

Te puede interesar