EVENTO

O Museo acolle a presentación da “Guía de viños e destilados”

A guía contén máis de 1.100 fichas de cata e 2.000 referencias, elaborada por 39 expertos

O Museo do Viño de Galicia albergará este venres, día 13 de decembro, ás 11,00 horas, a presentación da "Guía de viños, destilados e adegas de Galicia 2020". Recén saída da imprenta, a décima edición da única guía galega escolle a antiga rectoral de Santo André de Camporredondo (Ribadavia) para darse a coñecer, en primicia absoluta, en territorio galego. 

Despois do galardón británico do IWC Merchant Awards recollido hai un mes en Madrid pola súa edición de 2019, a edición de 2020 sae ao mercado como única clasificación editorial completa dos viños galegos.

Con máis de 1.100 fichas de cata e 2.000 referencias, elaboradas por 39 catadores expertos distribuidos en máis de 25 paneis de cata, a obra clasifica e referencia 1.500 viños, e inclúe mapas climatolóxicos e litolóxicos de todas as denominacións de orixe galegas.

O acto será no Museo do Viño de Galicia, aberto ao público e con presencia dos autores e editores, con Luis Paadín, presidente da Asociación de Sumilleres Gallaecia, á fronte.

Por outra banda, nesta mesma xornada do venres, e tamén no Museo do Viño de Galicia, terá lugar unha charla sobre "O viño na Idade Media na actual D.O. Ribeiro", dentro do Ciclo divulgativo sobre a cultura do viño. Será ás 20,00 horas, e correrá a cargo de María Luz Ríos Rodríguez, profesora titular de Historia Medieval, na Universidade de Santiago de Compostela.

Te puede interesar