CULTURA

O Museo da Limia decide crear o Premio Pedra Alta

museo_limia2_result
photo_camera Un momento da reunión constitutiva do Consello Asesor do Museo Etnográfico da Limia.

O primeiro distinguido co galardón é o etnógrafo e profesor Elixio Rivas

O Consello Asesor do Padroado do Museo Etnográfico da Limia decidíu crear o Premio Pedra Alta, un galardón que ten como obxectivo "recoñecer o traballo e dedicación de persoas ou entidades, encamiñados a pór en valor o coñecemento do pasado, a análise da realidade actual, a creación intelectual, os elementos identitarios ou o apoio ao desenvolvemento económico e social da comarca da Limia". A creación do premio foi acordada polo Consello Asesor do Padroado do Museo, que se constituía o día 30 de setembro en Vilar de Santos e cuxo cometido é definir e planificar a programación de actividades desta entidade.

Forman parte deste órgano, que conta coa colaboración do exdirector do Museo de Ribadavia Xosé Carlos Sierra, máis de 20 limiaos, entre os que están o alcalde de Vilar de Santos, Xoan Jardón;  o catedrático de Lingua e literatura Galega Delfín Caseiro, o historiador Edelmiro M. Cerredelo, os arquitectos Manuel Seoane e Lola Peláez, o exalcalde de Vilar de Santos Antón Jardón, o exdirector do CPI de Rairiz Carlos Cid Arregui, a dona do café cultural "A Arca da Noe" Noemi Vázquez, a xerenta da librería Nóbel de Ourense Celia Fernández Clemente, o director da revista Lethes, Xosé Badás e o escultor Xosé Lois Carrera.

Nesta primeira reunión o Consello Asesor decidíu crear o devandito premio e concederllo na súa primeira edición ao lexicólogo, etnógrafo e profesor Elixio Rivas Quintas. Este naceu en 1925 en A Abeleda (Xunqueira de Ambía). Padre paúl, con destinos en Inglaterra e Cuba, de onde foi expulsado após o triundo da Revolución Cubana, en Galicia exerceu a docencia en Pontevedra e no colexio dos Milagros (Baños de Molgas) e nos campus de Ourense e Lugo. O Consello Asesor pón de manifesto que Rivas Quintas desenvolveu un labor infatigable nos ámbitos da lexicoloxía, a Onomástica, a Toponimia, a Filoloxía e a Etnografía e é un dos máis importantes estudosos do territorio limiao e da ruta sur do Camiño de Santiago.

Na mesma reunión o Consello asesor tamén decidíu abrir ao público, na segunda quincena de xaneiro de 2018, a nova sala denominada Biblioteca da Limia, na que estará exposta a obra de 28 escritores limiaos. Así mesmo, deuse a coñecer a nova xunta directiva, que está encabezada por Xoan Jardón, alcalde de Vilar de  Santos, como Presidente de Honra; e Delfín  Caseiro Nogueiras, como presidente do Padroado.

Te puede interesar