O RIBEIRO

O Museo do Viño de Galicia abrirá as súas portas o venres

Antiga rectoral de Santo André de Ribadavia
photo_camera Antiga rectoral de Santo André de Ribadavia, que acolle o Museo do Viño de Galicia.

As reformas na rectoral de Santo André, en Ribadavia, supuxeron dous millóns de euros

As instalacións do Museo do Viño de Galicia están rematadas e xa se poderán visitar dende a tarde do vindeiro venres, día 19 de xullo, data elexida pola Consellería de Cultura para o acto de inauguración oficial, na antiga casa rectoral da parroquia de Santo André de Camporredondo, no municipio de Ribadavia. A creación do Museo do Viño foi adoptada o pasado mes de xuño polo Goberno galego,  trinta anos despois de que unha escola obradoiro posta en marcha polo Concello ribadaviense levase a cabo os primeiros traballos de rehabilitación do edificio rectoral, do século XVIII, ubicado en pleno corazón da comarca do Ribeiro.

Precisamente, a execución do proxecto museístico foi posible tra-lo acordo acadado, o ano pasado, entre Xunta e Obispado de Ourense para prorrogar a cesión do inmoble durante outros 25 anos máis. Coa apertura do museo, o Goberno galego pretende "recuperar, conservar e difundir o patrimonio cultural vencellado ó sector do viño en Galicia".

A rectoral de Santo André estivo sometida a obras de reforma interior e equipada cun investimento de 2 millóns de euros, aportados pola Xunta. Ademais, o complexo posúe parcelas nas que se poderían incorporar cultivos de viñas musealizadas para a súa investigación. O museo estará adscrito ó  Museo Etnolóxico de Ribadavia, e o seu funcionamento estará dotado de 300.000 euros anuais e con tres postos de traballo.

Te puede interesar