O Conservatorio Profesional de Música de Verín organiza a primeira edición do concurso "Entroido Musical", unha iniciativa que xorde coa finalidade de "motivar, incentivar e estimular nos mozos intérpretes o estudo do seu instrumento, e ó mesmo tempo, incrementar a participación nunha tradición popular tan importante como é o Entroido", aseguran dende o centro.
A cita será o día 11 de febreiro -xoves de Comadres-, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Verín, e os participantes do concurso -estudantes matriculados no CMUS- deberán interpretar unha obra e ir disfrazados. Os disfraces poden estar baseados na temática da súa peza ou ben relacionados coa tradición cultural do Entroido verinense.
A idea xorde para "salvar o Entroido dalgunha maneira dentro do centro", declara Álvaro Blanco, director do Conservatorio, que fai fincapé na boa acollida que tivo entre os integrantes do centro. Ademáis, Blanco recalca que a data límite de inscrición será o 29 de xaneiro.
Dende o CMUS insisten en que a actividade se desenvolverá baixo as normativas sanitarias vixentes, polo que o acto será sen público.
"Entroido Musical" outorgará tres premios: mellor interpretación, mellor musicalidade e mellor disfraz, cunha recompensa dun vale académico de 50 euros cada un.