celanova

Os músicos máis novos animaron Celanova coas súas audicións finais

Os rapaces da Escola de Música de Celanova
photo_camera Os rapaces da Escola de Música interpretaron as súas partituras ante os veciños da vila. (C.P.)

Con esta actividade, a Escola de Música amosa o seu traballo na vila

Como cada domingo, as terrazas da Praza Maior enchéronse de celanoveses descansando fronte ó Mosteiro pero, nesta ocasión, contaron coa compaña duns veciños moi especiais. Os nenos que durante todo o curso participaron nas actividades da Escola de Música continuaron o seu ciclo de audicións finais compartindo con todos os compases e solfas aprendidos ó longo do ano. "O obxectivo é sacar a escola á rúa", explicaba o seu director, Miguel Pérez, mentres os rapaces apuraban o último repaso á partitura. 

En solitario ou en pequenos grupos, os alumnos foron interpretando diferentes melodías cun grao de dificultade acorde ó seu nivel formativo. Todas elas foron moi ben recibidas e aplaudidas polos espectadores, que gozaron dun domingo diferente. O responsable do centro, que traballa cos músicos máis novos dende 2015, asegura que este tipo de iniciativas son moi ben acollidas polos nenos, "failles moita ilusión vir tocar á Praza" e axúdalles ós veciños a visibilizar o traballo realizado. 

Na actualidade, a Escola de Música de Celanova conta cuns 300 nenos, que acoden tódalas semanas ás máis de 10 especialidades coas que conta o centro no seu programa formativo. Batería, guitarra, piano ou saxofón son as máis demandadas polos pequenos, que poden participar dende os catro anos. A asignatura de música e movemento é a encargada de recibir ós máis pequenos para familiarizalos co ritmo e a coordinación.

Te puede interesar