Nace un comité pola memoria histórica do val do río Limia

O colectivo ten por obxectivos rescatar do esquecementoo pasado recente dos concellos da Baixa Limia

Investigar, recuperar, divulgar e clarificar o ocorrido durante o franquismo nos  concellos de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e  Muíños son os obxectivos do recentemente constituído Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia. "Nacemos coa intención de contribuírmos a rescatar do deliberado esquecemento uns episodios históricos que truncaron violentamente o noso pasado máis recente, que seguen condicionando o presente e hipotecando o futuro", salientaban desde o colectivo, que tamén se mostran críticos coa deriva "autoritaria do réxime actual".

Un labor onde farán especial fincapé á hora de rescatar do esquecemento a biografía de centenares de veciños e veciñas vítimas da represión fascista e daqueles que contribuíron a paliar o atraso e o empobrecimento das súas aldeas e parroquias. "Temos unha débeda con todos eles, con todas elas. Por dignidade colectiva é hora de reparar o sufrimento, a dor e a humillación padecida por moita xente, aínda que lamentablemente moita xa non nos acompaña", apuntaban.

Ao longo dos próximos meses, o colectivo levará a cabo un conxunto de accións encamiñadas a dar a coñecer publicamente o comité e os seus obxectivos, ademais de divulgar a necesidade de recuperar do esquecemento a barbarie do fascismo nestas terras. 

Te puede interesar