Opinión

Nada novo á vista

Cando a rutina entra nas nosas vidas o aburrimento campa as súas anchas. O calendario marca as datas, as festas e as celebracións e cae sobre nós como algo asumido que repite inexorablemente. Nada se espera nin nada hai que chame a atención. Presos dese ir tirando, pasa e pasa o tempo e todo vai esmorecendo de xeración en xeración.

Iso é o que pasa na nosa terra, gobernada por modestos funcionarios elixidos democráticamente que traballan fieis ás directrices partidarias e case nunca exercen de representantes dunha terra na que os problemas estruturais non se afrontan e pasan de uns a outros mentres o tempo cae sobre nos como unha lousa para que todo siga igual.

O presidente Feijoo dixo que esta sería a lexislatura do rural, ou se se quere, a do sector primario en Galicia. Discurso fermoso que parecía abrir portas á esperanza. Mais a desconfianza tamén nace ó nomear o terceiro goberno. Si, un goberno no que nada se move, no que repiten os mesmos e no que nada esperanzador se albisca. Un goberno de electos que máis ben que políticos parecen funcionarios que están á orde dun xefe que á súa vez está á orde doutros superiores, ó que lle impide ser reivindicativo e asumir con valentía a solución compartida dos graves problemas dunha nacionalidade histórica que se arrastran dende décadas.

Quixera equivocarme, quixera ter que loar a valentía dunha Xunta que busca o diálogo para afrontar eses grandes retos que temos para o futuro; quixera ver a un presidente que sexa o presidente de todos os galegos: os que o votaron e os que non. Mais hai tempo que, como moitos galegos, perdemos a esperanza de ter en San Caetano a un home que defenda este noroeste peninsular; que busque consensos, pois a verdade en política non é patrimonio total dunha parte. A verdade en política non é unívoca, non é como a pinta un sector.

A verdade en política é dispersa por iso ten que ser froito dunha ampla base social, dun acordo. Pero ó ver o nomeamento dos mesmos conselleiros, dos que nunca tiveron a sensibilidade de plantexar e afrontar problemas como a decadencia do sector primario, o abandono do rural, a perda de poboación, a emigración forzosa dos mozos, o desleixo actual de propostas positivas como a do Banco de Terras que puxo en marcha o bipartito, o erro que significou tirar a baixo o concurso eólico e as nefastas consecuencias económicas que desa acción se derivaron, a desfeita do sector leiteiro, o abandono do proxecto ourensán da gran área industrial da Rabeda, e un longo etc., pouco se espera. Pouco emociona o continuísmo das mesmas facianas. E deixo no ar esta pregunta: farán algo distinto os conselleiros que antes nada novo aportaron para solucionar estes e outros graves problemas que xa parecen endémicos?

Te puede interesar