CELANOVA

As tres nais de Pontedeva, seis anos despois: só segue unha

PONTEDEVA
photo_camera Marta Vázquez, María José González e Beatriz Barreiro coas súas fillas, seis anos despois da primeira foto.

Dúas se trasladaron a Ourense, un exemplo máis do goteo da sangría demográfica provincial

Nun país no que a taxa de mortalidade adoita superar a de natalidade e onde os factores socioeconómicos se amosan como trabas á hora de tomar a decisión de ter un fillo, a casualidade fixo coincidir a Marta, María José e Beatriz. En primeiro lugar, coincidiron no momento. A comezos do 2013, as tres estaban embarazadas, de distintos tempos pero agardando o nacemento das súas fillas. En segundo lugar, coincidiron no espazo. As tres son orixinarias de Pontedeva, un municipio da Terra de Celanova que pechou o 2018 cun total de 554 veciños empadronados. Hai seis anos, esta cifra era un cento de habitantes superior e, por iso, que tres das súas veciñas foran traer cativos ó concello foi noticia nestas mesmas páxinas. 

Seis anos despois, a situación vital das tres protagonistas continúa ligada a Pontedeva en diferentes graos de frecuencia. O caso de María José é o que máis variou dende entón. A pequena nacida en 2013 era a súa segunda filla, xa tiña outra de tres anos. Naquel momento, residía en Pontedeva e percorría 60 kilómetros ata Xinzo tódolos días para traballar, deixando á irmá maior na gardería en Rairiz de Veiga. O nacemento da pequena levouna a tomar a decisión de trasladarse a Ourense. "Ó non haber unha gardería de atención temprana ou un colexio ata tarde, non tiña con quen deixar ás nenas", explica. Agora, continúa visitando Pontedeva, sobre todo no verán. 


Xente no verán


"Dende hai seis anos, cambiou todo", explica Beatriz Barreiro. No 2013 naceu a súa primeira e "de momento, única filla". Xa daquela vivía en Ourense, pero en ningún momento deixou de "escapar" a Pontedeva nas fins de semana. "Á nena encántalle ir e así nós tamén desconectamos da cidade". Beatriz deixou de estar empadronada no seu concello de orixe ó empezar o colexio da pequena para poder facilitar os trámites da matrícula e da vida cotiá. 

Non é o caso de Marta Vázquez, que aínda resiste no seu pobo materno. "Queda moi pouca xente, cada vez menos", magóase ó falar da situación actual de Pontedeva. No seu caso, é nai tamén dun mozo que agora rematou o instituto e continuará os seus estudos en Vigo. "Ó maior non lle gusta nada vivir aquí porque non hai ninguén da súa idade", explica. A pequena  da foto acude a diario ó colexio de Padrenda e, polas tardes, é usuaria da ludoteca municipal, pero o certo é que "no autobús van pouquiños nenos e, para o ano, irán menos porque moitos remataron o instituto". Polo momento, a súa filla aínda vive contenta en Pontedeva, pero "ás veces di que se aburre". A chegada do verán supón tamén a volta de moitos veciños que pasan o inverno fóra e acoden a disfrutar das vacacións na súa aldea. "No verán aínda hai xente, pero non nacen nenos", di Marta.


Unha amizade que permanece na segunda xeración

PONTEDEVA


Non só as pequenas lle aportan a alegría propia dos nenos a un entorno rural que, ó igual que acontece en toda a xeografía galega —como consecuencia do envellecemento poboacional—, presenta una elevada media de idade. Ademais, teñen a oportunidade de xogar xuntas nos seus encontros na aldea natal das súas nais. É o caso das fillas de Marta e Beatriz, que se ven con certa frecuencia, concretamente  cada fin de semana. Cando chegan os descansos escolares, "estamos todos xuntos", explican con certa ledicia. A pesar de que tamén se ven ocasionalmente coa filla de María José, esta adoita pasar máis tempo coa irmá maior, que conta cun grupo de amigas habitual en Pontedeva. En calquera caso, as tres coinciden en sinalar a esperanza que a presencia dos nenos lle aporta á vida diaria ou festiva nestes pequenos núcleos.

Te puede interesar