Opinión

Neoliberalismo e periferia

Mauricio Macri que recibiu tantas felicitacións dos dirixentes neoliberais, dende o francés Emmanuel Macron até o español Albert Rivera, viuse obrigado a pedir ao FMI un préstamo urxente de 50 mil millóns de dólares. Por mor da grave crise financeira do país, e a cambio dun duro axuste. Tampouco foi alleo a estas gabanzas Mariano Rajoy, que de visita en Bos Aires, no mes de maio, puxo como exemplo a política económica do Presidente arxentino. Farán agora autocrítica? Recoñeceran que o neoliberalismo é un camiño sen futuro pra os países que non fan de locomotoras?

Convén lembrar que Macri aplicou os “tarifazos” que aumentaron o custe dos servizos esenciais, afectando de xeito directo as condicións de vidas das clases populares, ao que hai engadir a política regresiva no ámbito fiscal e o proxecto de reforma laboral a debate. Ademais, durante o governo de Macri os salarios perderon entre un 7,5% e un 10% do poder adquisitivo segundo distintos estudos, alargando a pobreza. Estas políticas regresivas foron amplamente contestadas polo movemento sindical e popular. Como exemplo máis recente temos a “Marcha Federal contra o axuste” que rematou cunha manifestación masiva, unhas 400 mil persoas, o pasado 1 de xuño na praza de Maio da cidade de Bos Aires, despois de 5 días de mobilizacións reivindicativas en 31 cidades. 

Evidentemente non existe unha única visión da realidade social. Mentres Macri anunciaba hai unhas semanas que a pobreza baixaba 5 puntos até o 25,7% da povoación, a UCA (Universidade Católica Arxentina) pola contra, destacaba que a pobreza infantil aumentou nun 62,5%, ate os oito millóns de persoas. Coincidindo coa análise pesimista que realizan as centrais sindicais, organizacións sociais e partidos da oposición. 

Daquela que semelle acertada a caracterización que o economista arxentino Rolando Astarita fai do governo de Macri, cando afirma que: “expresa os intereses do conxunto do capital, xa que o seu obxectivo é mellorar as condicións de explotación da forza de traballo (...) á marxe de tensións e matices, a clase dominante ten un acordo substancial pra eliminar ou reducir subsidios estatais; eliminar ou reducir plans sociais; diminuír xubilacións (no mediano prazo, e elevar a idade); reducir impostos”. Agora ben, asemade a economía da Arxentina ten eivas estruturais, xa que xoga papel subalterno na cadea produtiva, de dependencia, malia súas riquezas potenciais, polo que agás en certas conxunturas, ten un saldo exterior negativo. Estes problemas estruturais fon alentados por Macri, que deu folgos á abertura de mercados, seica co obxectivo de atraer o investimento exterior. Mais este nunca chegou na cantidade e calidade esperada, e si afectou a produción industrial interna en beneficio das importacións e dun aumento do déficit externo. A especulación fixo o resto.

Neste contexto, sobre as posíbeis saídas, o economista dese país austral Julio Gambina, reflexiona: “A urxencia induce a combater o déficit fiscal e externo, pra recuperar capacidade de decisión sobre o presente e o futuro con soberanía. Iso supón discutir os ingresos fiscais máis que o gasto, nun país onde os elevados lucros dun pequeno sector da economía explican o consumo suntuario, que consolida o déficit de turismo e a fuga de capitais (...) Non pode ser o IVE a principal fonte de recadación estatal, que afecta proporcionalmente en maior medida aos sectores de menores ingresos”. Salienta na súa análise a necesidade dunha fiscalidade progresiva e de utilizar os aranceis pra regular acaídamente o comercio exterior. Como conclusión: o que está a suceder na Arxentina amosa que as receitas validas pra o centro do sistema non o son pra periferia; e neste aspecto tampouco son decisivas as riqueza potenciais nen o seguedismo político.

Te puede interesar