entrevista - os maios

"Nestes Maios hai moita actualidade política que airear, esperamos máis retranca"

Mónica Fernández Valencia (MARTIÑO PINAL).
photo_camera Mónica Fernández Valencia (MARTIÑO PINAL).

Mónica Fernández, técnica de cultura do Concello de Ourense, analiza esta próxima edición dos Maios

"Aí vén o Maio!". Será este domingo, día 5, cando Ourense faga unha exaltación da primavera con esta Festa de Interese Turístico. A partir das 11,00 horas, a rúa do Paseo acollerá a colocación destas esculturas de musgo. Pero hai moito máis: animación musical, xogos populares e un fin de semana cheo de actividades. Jazz, unha exposición de Antonio Fraguas e un desfile dos entroidos son a aposta pioneira do Concello de Ourense para facer máis completa a celebración dos Maios. 

Maios, Entroido, música... por que esta mistura para o fin de semana dos Maios?

O do Entroido foi unha iniciativa que veu da Xunta. Entón, aproveitando unha fin de semana de moito movemento na nosa cidade, porque é unha das festas maiores e das máis singulares, fíxose coincidir. Vai haber bastante actividade.

É membro do xurado. Como ve a evolución da creatividade?

Estes últimos anos aumentou moito a participación, pero non son aqueles maios do século pasado que se caracterizaban por ser moi grandes. Había que traelos case en remolques. A xente agora presenta maios artísticos, pero máis modestos. Hai tres modalidades: o enxebre, o artístico e o creativo. O creativo, que só leva uns anos, abriuse a un novo público. Ten moi boa participación. Pero xa non son aqueles maios da modalidade enxebre.

Os Maios están declarados como Festa de Interese Turístico en Galicia. Nótase ese movemento de turistas neses días?

Si, está potenciado. Move xente como actividade turística, está analizado. Ademáis faise coincidir con máis actividades que completan o fin de semana. Tamén está a Shopping Night do comercio. E no propio día non son só os Maios. Haberá actividade musical.

Onte rematou o prazo de participación. Como o valora?

O ano pasado fora unha participación moi elevada, 40 maios. Esta mañá (por onte) pasamos dos 20, pero irán chegando máis. Porque a xente aproveita ata o último día para recoller a máxima actualidade, e ademáis houbo eleccións.

Esperan máis retranca nesta edición, coas eleccións nacionais tan recentes?

Si, claro. Estar en periodo electoral sempre axuda. As coplas sempre se caracterizaron por iso e ten que ser así, non o pode perder. Hai moito tema de actualidade para airear.  

Te puede interesar