UNIVERSITAS

O Nilo desemboca en Vigo no curso Introdución á Exiptoloxía

20160426182701256_result
photo_camera Eugenia Muñoz, docente do curso.

Un total de vinte alumnos aprenden os segredos da civilización dos faraóns

Pirámides, momias e faraóns forman a base do imaxinario do Antigo Exipto, unha cultura ancestral que hipnotiza polo seus ritos e misterios. Para achegar os coñecementos daquel mundo ao alumnado, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria presentou este cuadrimestre o obradoiro Introdución á Exiptoloxía que se desenvolve desde febreiro ata finais de abril. Esta iniciativa pretende dar a coñecer todo o que rodea a esta cultura a través de xornadas semanais impartidas pola investigadora Eugenia Muñoz, cuxa intención con este curso é, “tentar mostrar a esencia da súa sociedade dun xeito ameno e lonxe da escuridade que se presupón que tiña”.

Uns 20 alumnos e alumnas reciben cada mércores clases nas aulas da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, onde descobren en cada sesión un pouco máis sobre o Antigo Exipto, sociedade que segundo conta a profesora, “foi nai de todas as civilizacións mediterráneas como a grega ou a romana”. Ademais de ser berce do mundo occidental, a súa cultura está presente no día a día moito máis do que se pensa, xa que como explica Muñoz, “as súas ideas e mitos perduran e forman os alicerces e concepción occidental da morte, como no caso do máis aló galego, onde as ideas do xuízo final ou das ánimas están intimamente relacionadas co imaxinario exipcio”. 
O curso está dividido en dúas partes; por un lado o alumnado recibe clases teóricas para entender todo o referente á súa sociedade (deuses, astronomía, dinastías, etc.) e por outro tamén teñen a oportunidade de traducir xeroglíficos de estelas funerarias. Nas primeiras sesións dedicáronse a fornecer unha base sobre a cultura do Nilo e tamén traballaron a gramática para poder comezar a descifrar xeroglíficos o máis axiña posible, pois como comenta Muñoz, “a miña intención é que o alumnado adquira velocidade canto antes para así avanzar na complexidade dos textos”. Alén diso, compleméntase todo o anterior con materiais multimedia que axudan a reforzar e debater os contidos ofrecidos no curso.

Aínda que aberto a toda a comunidade universitaria, hai un colectivo que parece estar moi interesado no mundo exipcio, pois a meirande parte do alumnado pertence ao Programa para Maiores da Universidade, unha iniciativa dirixida ao público de máis de 55 anos, que ven medrando ano a ano. Ante este feito a profesora amósase encantada cos seus alumnos e alumnas, “para min foi unha gran sorpresa que a maioría deles fosen sénior, pero non os cambiaría por nada do mundo, son xente con moita ilusión e interese en aprender, que prepara as clases de xeito excepcional e non ten medo de preguntar as dúbidas”.

Tras o éxito acadado, a docente agarda que se organice unha segunda edición deste curso, que se imparte por primeira vez en Vigo, mais xa houbo edicións anteriores en Ourense. Xusto nesta cidade é onde estudou a investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, Eugenia Muñoz, licenciada en Historia con estadías na Universidade de Lovaina e na Sorbona de París, onde se formou nos campos da filoloxía e cultura oriental.

Te puede interesar
Más en Universitas