Opinión

No San Francisco, coma sempre

Este xoves soou o meu teléfono: era Xosé. Chamaba como facía habitualmente dende que o coñecín, non fai moitos anos, case todas as semanas, moitas delas mesmo varias veces, porque, para ser unha persoa dunha orde e rigor coma poucos no traballo e á hora de documentar e arquivar, no tema do teléfono Xosé era totalmente impulsivo, até o punto de chamar varias veces seguidas por temas diversos. 

Chamoume, digo, para poñer data á presentación dun libro que está a chegar da imprenta e que, coma sempre, agardaba coa mesma ilusión que poñía en cada un deles. “Quedou todo como falaramos?” As capas, as ilustracións, cada pequeno detalles que mimaba con agarimo.

En fin; nada facía presaxiar o que aconteceu e o único que me vén agora á cabeza, coa urxencia e a emoción do momento, é a ilusión coa que Pepe me chamou unhas horas antes, con ese ímpetu e, sobre todo, o horizonte amplo de sempre, felicitando moi afectuosamente a todos e cada un dos traballadores que, dun xeito ou outro, participaron na edición do libro, ultimando todos e cada un dos detalles da presentación que estabamos a preparar… “Será no convento de San Francisco, coma sempre, non?”. “Será”, contesteille sen supor, nin no máis lonxe da miña imaxinación, que sería a última conversa co meu querido Xosé. Unha lenda da literatura galega e, ante todo, un bo home. Descansa en paz Pepe.

Te puede interesar