Opinión

“NON SERÁ PARA SEMPRE”

Dúo Roma, gañadores do concurso da CRTVG.
photo_camera Dúo Roma, gañadores do concurso da CRTVG.

Este é o título da canción gañadora do Concurso que organizou a CRTVG para atopar a banda sonora da campaña corporativa #EstamosXuntosNisto. Unha canción alegre, positiva e moi ben construída. A letra saíu da creación do ourensán Efrén Alvarez García, quen inmesamente feliz  compartíu desde “Factoría Records” este recoñecemento cos compositores e músicos que formaron parte do proxecto, desde “Músicos Arredor do Mundo” que forman unha ducia de grandes artistas, ata o productor e compositor Ernesto Teruel, xunto coa tamén compositora Tamara Schneider. E por suposto coa cara máis visible do proxecto, a dos xemelgos Aitor e Alexis, da Pobra do Caramiñal, que adoptaron o nome artístico de “Roma”, e que ata a o momento formaban parte como guitarras de afamadas orquestras galegas como “La Fórmula”, “Cinema” ou “New York”.

Tiven o privilexio de formar parte do xurado, e por tanto gocei escoitando outros 45 temas que chegaron á final despois dunha primeira selección, na que houbo máis de 60 propostas diferentes. Presentáronse moitos solistas, grupos, centros escolares ou bandas de música, con estilos que ían desde o tradicional ata o indie pasando polo pop e mesmo pola música infantil. En definitiva foi todo un éxito de convocatoria e fará que moitos deles e delas soen tamén nas redes sociais, ademais de na radio e televisión públicas. Alegroume ver como a canción gañadora xa pechou dous Telexornais, dándolle así a importancia que se merece. Nestes tempos que nos toca vivir será importantísimo que os medios públicos e as nosas institucións apoien, aínda máis, a todos os nosos artistas e a todo o mundo da cultura e do entretemento que tan malos momentos están pasando por culpa deste virus que nos cambiou radicalmente a vida a todos.

E o que sí precisamos tamén, á parte de saúde e traballo, son pildoróns de positividade como a canción: “Non será para sempre”, que vén sendo iso tan noso de “Nunca choveu que non escampara”, e que lonxe de ser unha actitude de pasividade fronte aos problemas é toda unha inxección de optimismo diante das adversidades, ás que o noso pobo sabe enfrontarse con forza e solidariedade.

A próxima semana compartirei con “Roma” o escenario de “Luar”, e tamén están convidados ao meu programa de radio nocturna; polos escenarios televisivos e os estudos de radio estarán pasando máis que nunca os nosos artistas para compartir as súas cancións e mesmo as súas inquedanzas diante dun futuro inmediato ben incerto. Doutores ten a Santa Nai Igrexa para ir combinando seguridade con traballo e tratando de que ninguén quede tirado polo camiño sen ter opción á reinventarse. Xa sei que son moitísimos os sectores afectados por esta inmensa crise, pero permítanme que hoxe lles mande un abrazo solidario a todos os compoñentes de tantas orquestras galegas que este ano están quedando sen a “Verbena” que dá de comer a tantas familias. 

Quédome co título doutra das fermosas cancións que Kiko Bea presentou ao concurso organizado polos medios públicos galegos, ese “Tren Esperanza” que desexamos chegue moito antes a todos nós do que nos vai chegar o ditoso AVE. E como dí a canción gañadora do duo “Roma”, que aparecen na fotografía de Alán Pérez, no seu pegadizo retrouso: “Volverán os abrazos e os bicos, volverán, sen temor, volveremos a reunirnos baixo o sol”.

Te puede interesar