A Nosa Bisbarra: referente cultural de viana

Corría o verán do ano 1994 cando saía do prelo o número cero de A Nosa Bisbarra, co lema de cultura, opinión e actualidade, repetido en tódalas súas portadas posteriores.
Por aquelas datas emprendera a difícil tarefa de editar a revista un primeiro consello de redacción integrado por Beatriz, Celia, Serafín, Tono e Xares, todos eles comprometidos a canalizar, divulgar ou poñer en valor por este medio todo o relacionado coa cultura de Viana do Bolo e concellos lindeiros, especialmente A Gudiña e Vilariño de Conso.

Aquel primeiro número cero acadaba as 27 páxinas, publicándose daquela dous números anuais, e nos derradeiros tempos xa se condensaba toda a información nun só número, aumentando, por conseguinte, a extensión, chegando acadar as 112 páxinas no verán de 2012.

Por desgraza este ano 2013 A Nosa Bisbarra non se puido publicar, por motivos alleos ao actual grupo directivo. Agardamos que para o vindeiro ano xa nos acompañe de novo. Moita xente me ten preguntado por esta demora, pero teño que dicir que os colaboradores están prontos, a información recadada, e vexo que os lectores agardando impacientes.

Hai que dicir que esta singular revista acadou tanta sona na contorna porque nela teñen colaborado moitas firmas de renome, pero tamén anónimos escribáns puxeron en negro sobre branco innumerables artigos con temas locais, e moitos veciños aportaron un inmenso material fotográfico de incalculable valor. En tódolos números publicados queda para a posteridade unha man chea de información que, en parte, para moitos era descoñecida.

Ata aquí son 23 os exemplares distintos que viron a luz, extensa andaina dun proxecto cultural de longas miras, agora cun parón que deben esquecer canto antes, pero coido que retomarán con novos bríos.

Desde estas liñas felicito ao nomeados promotores da idea, en especial a Beatriz Santos, ela vén ser como a alma, a cerna da revista. Parabéns! por achegarnos durante todos estes anos esta bocalada cultural, nunha comarca tan necesitada disto.

Te puede interesar
Más en Cartas al director