Opinión

Noticias de Andalucía

Chéganme noticias do sur. A reflexión dun andaluz simpático, normal, do rural, afortunado, de idade media, con contactos continuos na escala social por arriba e por abaixo, con moitas vivencias territoriais do aquí e do acolá andaluz, e que mira a política como puro espectador, pois o seu é o mundo do traballo -de organizar, mover, tratar, contratar, vender... que é outra forma de baixar o lombo sen derrearse-, o mundo dos amigos, da familia e o do pasalo ben, sen grandes complicacións. A súa era unha conversa lixeira, sen afán sistematizador, que imaxino entre fino e fino, no porche da casa, cun fondo de vedraias oliveiras aliñadas sobre a terra seca. Era charla, non interpretación de inútiles e interesados estudos demoscópicos de intención ou xustificación de votos. O que comentaba viña, seica, de lelo nos ollos da xente. 

Pois dicía que en Andalucía, problemas de inmigración máis alá de El Ejido non había; sempre foi terra acolledora e vénlle moita cousa boa tamén de fóra. Problemas con Cataluña, tampouco; é terra querida de moitos emigrantes que ata hai unha “rumba catalana” e queda un tanto a desmán, e alá eles. Problemas coa corrupción, pois tampouco; é case unha tradición e ademais, a maioría, nalgún nivel, sexa contrato, subvención, peonada... vai pillando. Entón, se non se ve ningún problema especialmente grande no horizonte, a que se debe a mudanza dos resultados electorais e a aparición con forza de Vox en todas as provincias? Pois segundo a súa opinión, que a min me vale especialmente porque non ten cifras, nin presuncións de cientifismo, os andaluces votaron así porque sentiron ameazada a súa forma de vida. E explicaba como catro grandes ideas das esquerdas, máis ou menos explicitadas, asustaran; e foran identificadas e contraatacadas frontalmente por Vox, facendo delas bandeira. 

Tema un, prohibición dos touros: 120 prazas fixas -á parte das desmontables- en toda Andalucía, 2.500 empregos directos nese mundo concreto, máis 540 fincas de crianza de touros, cuns catro empregados cada unha, máis o turismo que xera e o integrada que está a tauromaquia na súa cultura popular... atacar os touros, malo, malísimo. Tema dous, prohibición da caza. Datos: 7.500 coutos, 211.000 licencias, 47.700 postos de traballo directos, 3.700 millóns de euros xerados de ganancia, 4 millóns de pezas cobradas... Moitas aldeas esperan como auga de maio os días de montería. (¿Lembran unha manifestación en Compostela o 15 de abril deste ano, cuns 10.000 cazadores protestando e dicindo “Deputado que non respecta a nosa decisión non merece a nosa elección?”, pois algo diso foi. O anuncio dos deputados ao trote, funcionou). Tema tres. Gasóleo. As ameazas contra os vehículos do gasóleo, así, en xeral, nunha comunidade de amplas extensións territoriais e cun altísimo uso de vehículos tipo land rover espantou. Tema catro. O xénero: a sensación de que o novo canon é o mundo LGTBI e que as ideas do feminismo radical son a única lectura posible da realidade e as únicas que marcan pautas de comportamento, pois tampouco axudaron nunha comunidade de grandes e plurais referentes femininos. 

Estas cousas eran as que pensaba o rapaz que, por certo, non votara Vox. Está claro, como dicía o Errejón, que en Andalucía non hai 400.000 fascistas. Si máis de 400.000 persoas que sentiron que os que mandan, de tanto miraren para as minorías, afrouxaron o contacto coas maiorías. 

Te puede interesar