TESE

As “noticias icona” determinaron a campaña electoral do 2009 en Galicia

20161128140243953_result

Funcionan como recordos imperecedoiros, que seguen aparecendo nas páxinas dos xornais semanas, meses ou anos despois da súa primeira publicación, conferindo un poder permanente á representación simbólica do escándalo político

“As noticias icona funcionan como recordos imperecedoiros, que seguen aparecendo nas páxinas dos xornais semanas, meses ou anos despois da súa primeira publicación, conferindo un poder permanente á representación simbólica do escándalo político”, sostén o investigador Javier Presas, que na súa tese de doutoramento analizou a influencia dos medios de comunicación e as consecuencias dos escándalos políticos nas campañas electorais.

Centrándose nas eleccións autonómicas do ano 2009, nas que o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, logrou a súa primeira maioría absoluta, Presas estudou o papel xogado pola prensa á hora de “configurar imaxes de gran contido simbólico” vinculadas ao escándalo político. Imaxes como as xeradas naquela campaña a través das novas relativas ao Audi A8 que empregaba o por aquel entón presidente, Emilio Pérez Touriño, aos gastos realizados polo bipartito na sede administrativa de San Caetano ou á fotografía do vicepresidente, Anxo Quintana, no barco do empresario Jacinto Rey. Noticias icona que, como sinala, “tiveron a influencia suficiente como para fixar parte da axenda da campaña” e que perduraron no tempo, converténdose en “temas recorrentes da narración política galega”. 


Na súa tese “Corrupción y escándalo político en las campañas electorales. La noticia icono en las elecciones gallegas de 2009 y 2012”, dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Mercedes Román, Presas analizou as novas publicadas polas principais cabeceiras autonómicas e polos dous xornais estatais que contaban entón con edición galega, El País e ABC, durante os 15 días de campaña.

Fíxoo poñendo o foco no “poder dos escándalos” suscitados a raíz da aparición de cinco novas icona, entre as que tamén figuran o desprazamento dun grupo de maiores a un mitin de Quintana en Oia e os gastos realizados pola Consellería de Cultura na Feira do Libro da Habana. A súa relevancia, sinala, “pódese medir de maneira rigorosa en termos da súa frecuencia de aparición”, xa que en todos os días da campaña de 2009 atópanse referencias a estas noticias, “con picos que roldan o medio cento de mencións”.


“O estudo buscaba demostrar as posibilidades dos medios de comunicación de crear imaxes cargadas de gran contido simbólico, capaces de perdurar no tempo”, sinala o autor dunha investigación que non trataba de analizar a súa influencia no resultado electoral, “algo dificilmente cuantificable”, senón afondar nesa capacidade dos medios de “crear percepcións colectivas”.

Te puede interesar
Más en Universitas