Opinión

A nova dereita agocha o seu proxecto

Todas as enquisas dan a Ciudadanos como primeira forza nunhas eleccións xerais, aínda que o resultado real pode mudar moito, tendo en consideración a volatilidade da conxuntura, e que se trata dun partido construído sobre unha estrutura moi cativa e coa complicidade dalgúns medios. En calquera caso, se as enquisas se fixesen realidade, tería que contar co apoio do PP pra governar. Ademais, polo medio están as eleccións municipais e autonómicas, nas que terá que se mollar alí onde governe. Por exemplo: optando claramente polo público ou o privado, polas políticas de axuste ou por ampliar os servizos sociais e actualizar os salarios dos funcionarios, e por respectar ou suprimir competencias das autonomías. Xa non abondará con promesas de loita contra a corrupción, e propostas transformadoras que, sen mudar os alicerces do sistema, seica van colocar ao Estado español como un dos máis avanzados e igualitarios. 

Albert Rivera recoñece que, tanto a posta en escena de Ciudadanos como o seu discurso ten moito en común co de Emmanuel Macron en Francia e o de Mauricio Macri na Arxentina. Co primeiro Rivera negocia seu apoio prás vindeiras eleccións xerais. Macron pola súa banda destaca que ambas forzas parécense en ideas e idiosincrasia. Estas semellanzas despexan incertezas respecto de Ciudadanos, e anuncian unha dura e profunda reforma laboral, como en Francia. Contestada polo movemento obreiro e estudantil con mobilizacións e paros masivos. 

A recente entrevista de Rivera co Presidente da Arxentina, na residencia oficial de Bos Aires, permitiulle escenificar a enorme complicidade política existente. O líder de Ciudadanos destacou aos medios que compartía a opinión de Macri de que “a Arxentina podíase subir ao tren da globalización, se o intenta”, e que era optimista a respecto das reformas económicas que están a realizar. Dado que Macri leva máis de dous anos na presidencia, xa puido aplicar en boa medida seu programa e pódense valorar seus resultados. 

Na Arxentina os tarifazos sobre servizos esenciais alargaron a pobreza e a desigualdade, en beneficio da alta burguesía. Mentres que a caída dos ingresos fiscais, pola rebaixa das taxas ao comercio exterior e de impostos ao capital, coa hipótese de que serían compensados coa entrada masiva de capital externo e o crecemento da economía, non se cumpriu. As consecuencias regresivas non se fixeron esperar, polo que se botou man da débeda pública, e agora intentase tapar o burato cunha reforma laboral que rebaixará aínda máis os ingresos da clase traballadora. Asemade, a caída do peso fronte ao dólar de 17 a 23 pesos é un novo golpe para as clases populares, xa que afecta o consumo. O pedido de auxilio ao FMI, co que implica de subordinación ao imperialismo,  completan o cadro regresivo. Este é o exemplo de Ciudadanos? 

Gabar a globalización funciona como tópico, mais na práctica en case que todos os países aumentou a precariedade, a corrupción, as actividades delituosas, a violencia, a destrución dos ecosistemas e das linguas e culturas minoritarias. Todos os estados están subidos no tren da globalización, moitos á forza, porén son contadas as locomotoras, e son estas as que marcan as regras e a velocidade. Pola contra, a maioría dos países están rente do furgón de cola. En resumo, a globalización neoliberal responde a un proceso acelerado do capitalismo de centralización e concentración da riqueza e do poder, que dá folgos á desigualdade entre clases sociais e entre países. Polo que, do que se trata, é de gañar en soberanía, de respectar a pluralidade nacional, cultural e lingüística, que son unha riqueza da humanidade, de distribuír traballo e ingresos, de garantir condicións de vida dignas. O oposto do que propón Rivera. Pra quen teña dúbidas, dime con quen andas...

Te puede interesar