Nova proposta para a biblioteca pública: “Nós"

Ourense. 23/12/2019. Apertura de la nueva biblioteca al público el primer día de funcionamiento.
Foto: Xesús Fariñas
As fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Losada Diéguez e Castelao promoven o nome deste movemento cultural

As fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Losada Diéguez e Castelao, que promoven a memoria dos que foron integrantes da xeración Nós, postulan o nome desta congregación de intelectuais galegos para nomear a nova biblioteca pública de San Francisco. 

Neste 2020 cúmprese o centenario da Revista Nós, polo que as fundacións dos membros desta xeración recomendan o seu nome para a biblioteca pública, que recentemente abriu as súas portas nun novo emprazamento. Deste xeito, rendiríaselle unha homenaxe a este movemento que fomentou a cultura e a identidade galega de cara ao exterior.

As fundacións consideran que conferirlle este nomeamento representaría a pluralidade de inicitivas culturais que se encontran baixo a denominación de "Nós", que vai dende a revista e os seus integrantes que dan nome a estas catro fundacións, ata a unha xeración que abarca dende a creación do Album Nós de Castelao no 1916, ao peche e desaparición da editorial e a imprenta Nós no 1936.

Estas entidades baséanse tamén no significado da verba "nós": "Evoca ligazóns e enlaces, amables ataduras entre xentes diversas, tempos e persoas, pasado e futuro, ciencias e humanidades". En caso de que este sexa o nome elixido, suporá un recordo para unha xeración que traballou pola cultura galega a pesar das situacións políticas e sociais, esforzándose dende Galicia, pero tamén no exterior, dende o exilio americano.

Te puede interesar