A LIMIA

A novena edición do abrazo ao río Limia será o día 7 de xuño

A recepción dos escolares portugueses será na Praza Carlos casares e o acto previo na Casa da Cultura

A novena edición do tradicional abrazo ao río Limia que protagonizan anualmente escolares da vila xunto aos cativos portugueses de Ponte de Lima, terá lugar o vindeiro día 7 de xuño. O evento estará organizado de xeito conxunto polo Concello de Xinzo, en colaboración cos centros educativos Rosalía de Castro, Carlos Casares, así como polo centro de primaria de Ponte da Lima. 

Na escenificación desta aperta, que ten como obxectivo poñer en valor o río que une ambos municipios, participarán máis de 200 escolares galegos e do país veciño.

A xornada comezará ás 10,30 horas coa recepción dos participantes na praza Carlos Casares. Posteriormente, celebrarase o acto institucional no interior da Casa da Cultura, onde intervirán as autoridades limiás e portuguesas. A Banda de Gaitas de Xinzo de Limia poñerá o son ao evento, aínda que se agarda a participación doutras agrupacións locais. 

Logo dos discursos institucionais, e da entrega de agasallos aos representantes de ambos grupos, interpretaranse os himnos de Ponte da Lima e da localidade antelana por parte dos propios escolares.  Cumprindo coa tradición, o abrazo ao río terá lugar ás 12,00 horas e, posteriormente, celebrarase un xantar popular. Os cativos visitarán Allariz e o seu popular Festival de Xardíns, así como as instalacións do Museo Galego do Entroido.

Te puede interesar