Opinión

De novo Rajoy presidente

 

Pois nada, que o criterio electoral, ou sexa o dos votos, impúxose deixando tirado o criterio ético que debía reinar na política. A maioría electoral dunha parte, que non a parlamentaria, volveu darlle a investidura a Rajoy. Si, ise señor amoucado que sen facer ren, ve como os seus contrincantes van caíndo como se foran as follas mortas no outono.

Case un ano de espera, dúas eleccións e moitas idas e voltas non foi tempo necesario para conformar unha maioría parlamentaria que obrigara ós populares a purgar os seus pecados na oposición, que son moitos. E ise señor de profesión rexistrador da propiedade, de Pontevedra, volve dicir que non vai tocar nada do que fixo o seu partido. Ou sexa: non vai tocar a reforma laboral que tanto dano fixo precarizando o emprego; non vai tocar a “lei mordaza”, e polo que se ve posiblemente a lei de educación. E ate parece que o pode acadar, pois cunha parte da oposición desfeita, e con outra que previsiblemente vai optar pola vía da mobilización na rúa, Mariano seguirá campando as súas anchas. 

Pero ó marxe do que aconteza e da duración da lexislatura, co paso dado na investidura, a política acada un grao máis de degradación. Pois a ética, esa especie de norma non escrita que no resto de Europa funciona, nesta España de pandeireta, non ten cabida. Non está en vigor nin se lle espera por moito tempo. Eiquí mandan exclusivamente os resultados electorais, e istes son os que son. Que se rouban, que se estafan, que se prevarican ou que se delinquen, iso solucionase nos tribunais, pero falar de responsabilidades políticas nada de nada. Todo o que aconteceu quedou perdoado despois das eleccións. Entendo e comparto que a vontade popular expresada nas urnas está por riba de todo, pero iso non debe implicar que as responsabilidades políticas non existan, sobor de todo cando se é presidente da formación implicada no asunto.

Con todo, hai que mirar cara adiante. E asumir que somos o que somos e temos os defectos que temos. Pero logo non nos laiemos. Logo non queiramos pasar por pulcros e certamente persoas sen tacha. Pois na escala se valores deste país, a ética, para un sector social moi importante, non parece existir.

En fin, que ninguén espere milagres nin grandes solucións ós problemas que temos neste novo mandato. Sentiríame feliz se me trabucara e houbera diálogo e negociacións para afrontar o problema catalán e outros xa mencionados, pero témome que imos camiño de ter máis do mesmo, e poucas cousas positivas.

Te puede interesar