CARBALLIÑO

Novos operarios para eliminar barreiras e limpar a contorna de Carballiño

Traballos de limpeza do leito do río Arenteiro, no tramo do Parque municipal.
photo_camera Traballos de limpeza do leito do río Arenteiro, no tramo do Parque municipal (C.R.).

Son 16 parados contratados polo Concello que xa empezaron coa limpeza do leito do río

O Concello do Carballiño reforza as brigadas municipais de Medio Ambiente e de Obras con 16 operarios, que terán como principais cometidos a limpeza e acondicionamento dos camiños e espazos naturais do termo municipal, así como a mellora da mobilidade peonil urbana, eliminando calquera tipo de barreiras arquitectónicas nas beirarrúas que dificulten o paso das persoas.

Trátase de oito albaneis e oito peóns forestais, que forman parte dun convenio asinado entre o Concello e o Servicio Público de Empleo Estatal dentro dun programa de colaboración para a reinserción de persoas desempregadas. O período de duración dos contratos oscila entre os catro e os seis meses, segundo os casos, o que permitirá manter á maioría durante o próximo verán.

Como primeiro cometido, unha parte desta brigada de limpeza forestal, en colaboración cos medios humanos e técnicos de Protección Civil, proceden á retirada da ramaxe do río Arenteiro, sobre todo no tramo entre o Parque municipal e o Gran Balneario, onde se vai a disputar o próximo sábado un torneo de piragüismo que traerá ao Carballilño a 400 palistas de toda Galicia.

Esta intervención servirá tamén como complemento aos traballos que desenvolven as brigadas da Confederación Hidrográfica do Miño - Sil, que consisten en retirar as árbores secas, moitas delas do leito do río.

Te puede interesar