Opinión

Nun tronco de carballo

Sento nos restos dun tronco de carballo camiño do muíño do Dositeo e dáseme por pensar nun neno africano cruzando o Mediterráneo. A vida ás veces dá labazadas que te enterran. Ou que te afogan. Sinto o canto da rula e deixo que o meu pensamento choute do neno africano á fermosura do paxaro. Como cambian os soños en centésimas de segundo! Ou nun impo. Por moito que tratemos de pensar no anverso da moeda, en algún momento, aínda que só sexa nun salouco, tamén asoma o reverso. Ou viceversa. É certo aquilo dos prós e contras, do bipartidismo, do si ou non, do branco ou negro, do amor ou xenreira. Empezo a mover os pés porque un tema musical de Vangelis viaxa polos auriculares e a música calma ás feras. Ou che deixa a mente en branco e desaparece por fin a imaxe do neno africano cruzando o Mediterráneo. Miro de novo para a esquerda e alí segue a rula ollándome desde unha pedra da parede. Desa parede chea de mofo na que recosto as costas e deixo que o asubío do aire me leve polo carreiro que baixa ata o muíño do Dositeo. Antes chifra un tren na estación de Baños de Molgas para, nun amén, notar como penetra no túnel que hai antes da ponte das Cepas. Ergo do tronco do carballo, espanto á rula e alá se acabou a inspiración, o anhelo, o desexo, o devezo.

Te puede interesar