Opinión

O álter ego de Hitchcock

Nas 600 páxinas que o especialista e escritor británico David Thompson lle dedica á historia do cine no seu impresionante libro “The BigScreen”, Alfred Hitchcock e as súas películas aparecen en máis de 50 páxinas. Pero a referencia á súa muller, Alma Reville, tan só se limita a 24 palabras, estas: “En 1926, cando Alfred Hitchcock empeza a dirixir, casouse con Alma Reville, unha experta guionista e montadora que traballou á súa beira durante décadas”. Menos mal que a película “Hitchcock” (2012) esfórzase en demostrar, utilizando de fondo de incubación e rodaxe de “Psicosis”, o importante que foi Alma non só no desenvolvemento dunha película que revolucionou o xénero do suspense, senón en toda a súa filmografía.

Alma Reville era unha persoa feliz, sen resentimentos, á que non lle importou que todos os méritos os levara o seu home, aínda que ela colaborara en case todas as súas películas e tomara decisións claves. Por exemplo, foi quen insistiu para que Hitchcock lle puxera música á inesquecible secuencia da ducha en “Psicosis” e a única que durante a montaxe viu que Janet Leigh tragaba cando supostamente xa estaba morta na ducha, polo que tiveron que cortar ese fotograma. Ademais, coñecida polo seu bo oído para os diálogos, retocaba todos os guións do seu home, revisaba a montaxe, daba o visto bo no casting e realmente formaba equipo con Hitchcock, aínda que rara vez asomara polas rodaxes.

Tamén Anthony Hopkins a coñecía ben: “Alma era a instigadora e a forza clave na súa vida (na de Hitchcock), pero creo que preferiu quedarse en segundo plano porque sabía perfectamente que o seu marido era un narcisista. A el encantáballe ser unha celebridade, era un home brillante, pero como moitos homes brillantes era un egoísta. Alma, en cambio, era unha persoa tolerante e iso facilitou a súa relación”. Aquí hai que dicir que Alfred Hitchcock sempre sentiu debilidade polas mulleres loiras e polos supostos amoríos coas mulleres en xeral.

Alma Lucy Reville nacera o 14 de agosto de 1899 e morreu o 6 de xullo de 1982. Pódese dicir que foi o álter ego de don Alfred Hitchcock.

Te puede interesar