Opinión

O Badalo

Tiña que escribir algo sobre o badalo dunha campá que non existe no campanario da igrexa aquela que non sei de onde era, pero non escribo. E non porque non debuxe diante dos meus ollos tal igrexa e tal campanario (estou a velos coma se fora unha fotografía, vella, pero fotografía), senón porque... non sei, o badalo, o badalo é o que me fai recuar. É que se penso profundamente, como pode haber un badalo se non hai campá. Isto é o que me mantén a mosca detrás da orella (paréntese para dicir que as moscas están por todos os lados, non só detrás das orellas, ou sexa que collede o da mosca detrás da orella como unha metáfora, dise así, non si?, metáfora). Sigo. O badalo da campá que non existe é longo. Pero sempre está en silencio. Non toca. Nunca tocou. Normal! Como vai tocar! Sobre que vai tocar! Non vedes que non existe a campá! Uff, empezo a suar xa co asunto. É que non sei como vos podo convencer. O badalo da campá que non existe está apoiado contra unha columna do campanario da igrexa aquela que non sei de que vila era, de que aldea. Vedes, xa nin sei se era vila ou aldea. Ó mellor é o propio son do badalo o que me mantén apampanado. Pero non dicías que non soaba? Ai é verdade. Este badalo...

Te puede interesar