Opinión

O cuarto bico

De visitaren vostedes o Belvedere en Viena, poderán ver o cadro de Gustav Klimt “O beixo” que é obra cimeira da pintura nova de comezos do século XX. Con ese gusto de mosaico bizantino e estética moderna converteuse, seguramente, nun dos iconos da art nouveau, pois soubo acertar no punto xusto da transgresión da estética anterior que a fixese asumible para os novos canons da sensibilidade colectiva. Grande obra, sen dúbida, este primeiro grande bico. Seguramente o máis reproducido en pósters e puzles de todos os bicos da historia da humanidade.

O segundo, o do mariñeiro e a enfermeira, captado polo fotógrafo Alfred Eisenstaedt o 14 de agosto de 1945 en Nova York, é hoxe bastante cuestionado polo que esa efusividade desatada ten de agresión. O caso é que o mariñeiro, feliz coa fin da guerra e cunha pinga de máis, sae do metro na neoiorquina Times Square, agarra unha moza que non coñecía de nada -vese ben a chave que lle fai para que non se solte-, dálle un bico e segue o seu camiño de berros, alegría e sorrisos. Nunca cruzaron unha palabra. El, o protagonista, George Mendosa, sempre se gabou da foto e xustificou o seu entusiasmo. Ela, Zimmer Friedman, auxiliar nunha clínica de odontoloxía, nunca lle deu maior transcendencia, aínda que deixou claro que non tivera opción, e máis ca un bico, considerouno un exceso. Dixo ela xa de vella: “El era só alguén que estaba de celebración. Non foi algo romántico, senón unha forma de dicir: ‘Gracias a Deus, a guerra xa acabou".

O terceiro bico é unha pura montaxe. O fotógrafo Robert Doisneau andaba apurado. A revista Life encargáralle unha reportaxe sobre o amor en París, na primavera de 1950. A el dáballe corte espiar e asaltar coa súa cámara á xente que se andara bicando pola rúa. Chamou, logo, a un par de amigos actores, guapo el, guapa ela, deulles indicacións, foron todos dar unha volta polo centro de cidade e mentres lles sacaba fotos a eles flirteando, charlando e bicándose. Unha das imaxes, na Praza do Concello -Place de l'Hôtel-de-Ville, pola francesa- fíxose icónica do amor en París, choutando á memoria visual colectiva desde a portada da revista americana.

Pero o cuarto bico... Ai o cuarto bico! Un bico de verdade. Ese cuarto bico vino eu esoutro día aí atrás. Non había cámaras nin pinceis. Case nin testemuñas. Foi na esquina de Adolfo Domínguez. E pareceume moito máis entrañable, tenro, pero tamén, sen dúbida, máis duro que ningún dos tres anteriores. 

Debía faltar pouco para as dúas e media. Un mociño e unha mociña que se sorrían cos ollos, coas mochilas colgadas do ombro, e rozándose os dedos cos brazos caídos, esperaban que abrise o semáforo. De repente, o bonequiño verde aparece. Veno, míranse, dubidan pero baixan rapidamente as súas máscaras e danse un biquiño fugaz entrecerrando os ollos; soben de novo as máscaras e el, colorado, cruza rápidamente. Ela despídeo coa mirada limpa duns ollos cheos da ilusión do amor dos quince anos. 

Foi só un segundo. Se cadra sorrín acedo e oculto na miña máscara, non o sei. Pero si pensei nos desacougos engadidos destes tempos avoltos na vida dos adolescentes. 

Maldito virus, maldito. Pero sempre haberá un semáforo, unha urxencia e unha ilusión. 

Te puede interesar