Opinión

O Día da Patria como tarefa

Este ano o Día da Patria Galega tiña un significado especial, xa que se conmemoraba o 50 aniversario da realización da primeira manifestación posterior ao levantamento militar dirixido por Franco. Un golpe que suprimiu pola forza das armas a República e implantou a ditadura. Despois viu a longa noite de pedra, as masacres, os fuxidos, o recuar económico e social, a negación do Estatuto e de dereitos básicos, como os lingüísticos, e a emigración masiva. Mais de medio millón de persoas fóronse de Galiza. Sería no ano 1968, despois das protestas estudantís na Universidade, cando unha morea de mozos e mozas da UPG penduraron na Alameda de Compostela unha pancarta coa consigna: “Viva Galicia Ceibe e Socialista”. Aínda que a celebración da data ven de moito antes, e está a piques de cumprir un século. 

A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala (IF) do 25 de xullo de 1920 facía un chamamento a que “non houbese fogar galego, aldeán ou vilego, que deixase de exteriorizar o seu patriotismo no Día de Galicia”. Na mesma editorial falábase de nación e patria. Nesta “alborada” así como nun artigo de Vitor Casas facíase mención a que “pola derradeira Asembreia qu’en Compostela xuntou ós nacionalistas, foi acordado facer “Día da Patria” o 25 do mes de Santiago”. Esta asemblea das IF, a segunda, realizouse en novembro de 1919. Un dato de actualidade, nesta xuntanza das Irmandades entre os acordos figura: a igualdade absoluta, política e civil, da muller. Na convocatoria facíase lembranza especifica a Antolín Faraldo (figura destacada da Revolución de 1846 e un antecedente que sempre invocou o galeguismo). Tamén se mencionaba a outros povos irmás na cultura e historia, como Portugal, ou na loita, como Euskadi, Cataluña e Irlanda “a nosa mestra” (o levantamento de Pascua fora no ano 1916). 

Este 25 de xullo máis unha vez milleiros de persoas manifestáronse en Compostela pra conmemorar  o Día da Patria Galega. A mobilización máis concorrida foi a do BNG, arredor dunhas quince mil persoas. Todos os medios recoñecían que a praza da Quíntana estaba ateigada. As distintas correntes das Mareas e o PSOE tamén fixeron actos, iso si, moito menos numerosos, mais coido que o importante é que os convocasen, e que o Día da Patria ou Día Nacional de Galiza sexa unha data de todos os galegos e galegas, ou de case que todos, pra alén das preferencias políticas. Un día no que se reclame o dereito do noso povo a termos capacidade plena de decidir, pra defender e potenciar a nosa cultura e lingua, pra desenvolver plenamente a nosa economía e repartir o traballo e a riqueza producida, rematando coa emigración e a regresión demográfica. Arelas de xustiza e solidariedade que sen dúbida resume axeitadamente a consigna máis coreada das manifestacións do 25: Galiza Ceibe Poder Popular!!!

Moitos son os retos que ten por diante o povo galego. Entre os máis urxentes, aqueles relacionados co desemprego, a precariedade e os baixos salarios, coa problemática das pensións e a dependencia, as presións sobre a nosa cultura e lingua, a desfeita ecolóxica, a violencia de xénero, o papel subalterno na cadea de valor... Solucións que dependen en gran medida do grao de soberanía, mobilización social, e dunha correlación de forzas favorábel nas institucións. E sendo positiva a demostración de forza do nacionalismo de esquerda o Día da Patria, quedan interrogantes por contestar. Por exemplo. Que peso ten nos participantes o aspecto identitario, e cal a aposta por un proxecto de sociedade xusto e solidario? Como transformar, unha base militante tan mobilizada, en activistas capaces de gañar unha maior complicidade política? Coido que nas respostas está a chave pra que o nacionalismo sexa a alternativa, e a solución aos atrancos e eivas do país.

Te puede interesar