CON TEXTO

O difícil doado

girls-377661_960_720_result

Beatriz Navas Valdés afonda en datos sociolóxicos que nos axudarán a a decatarnos de que os hábitos etílicos da mocidade non son cousa de hoxe. Tamén os da iniciación nas prácticas sexuais, ben que atenuadiñas

Eu non sei se este libro prestará a toda caste de lectores. Non aos puristas, desde logo, nin moito menos aos “puretas”. Aquí hai moito bacallau que tallar, mais a partir dun labor xordo e eficaz, feito por unha autora, Beatriz Navas Valdés que non fai outra cousa que narrar un diario, aparentemente o seu, escrito por unha rapazola que remata a mítica (para quen a fixeron) ESO o ano 1992, ou sexa, aquel no que Barcelona espertara clamores e simpatías universais como cerne e centro duns Xogos Olímpicos dos mellor organizados -seica-  de todos os tempos (de antes e despois) e aquela Expo Universal de Sevilla chamara tanto a atención.

Así as cousas Beatriz (escollido o seu libro por Mercedes Cebrián, editora na quenda rotatoria de “Caballo de Troya”) decidiu botar man do seu dietario adolescente, co que isto ten de risco, pola espontaneidade mais tamén pola posible perda de actualidade ou coñecemento das cousas que nel se narran. Por iso a dificultade engadida deste volume, nada voluminoso, enriquecido con ilustracións temporais, daquela época, vaia. Billetes de concertos e demais material que axude contextualizar un tempo (e un país).

Por suposto que o libro abonda en datos sociolóxicos que nos axudarán decatarnos de que os hábitos etílicos  (madrugadores) da mocidade, non son cousa de hoxe. Tamén os da iniciación nas prácticas sexuais, ben que atenuadiñas. Isto e moito máís está neste libro, que se cadra (tento explicarme por que me chamou tanto a atención) será do meirande interse para quen teñan vivido á beira dese mundo, louco e suxerente (e suxestivo) dos adolescentes en flor.

Logo está o que ten este libro de irrepetible. Porque Beatriz Navas Valdés deberá entrar xa por outros terreos, agora que ceibou, con este volume, o derradeiro vals, ou tango, ou rock da mocidade despedíndose con el de todo aquilo. Das liortas xuvenís, dos amores que nunca máis voltarán, das vacacións asombradas (á sombra dos país), as hipérboles e os xiros e as viradas léxicas e sentimentais. Un libro redondo, un chisco exuberante, mais con esa intimidade dos componentes da idade do pavo, libro redondo para mín, digo, que non convencerá a puristas ou “puretas” (ou ambas categorías). Peor para eles.

Te puede interesar